A aprobación do orzamento para 2017, tras un acordo 'in extremis' con Marea, permite ao goberno municipal de Pontevedra terminar o ano dunha forma moito máis tranquila -desde o punto de vista político- do que foron para eles estes últimos doce meses.
O BNG goberna sen maioría absoluta e, tras non chegar a acordos en temas sensibles con ningún partido da oposición, foron varias as 'pinzas' entre PP, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns que amargaron ao equipo de Fernández Lores. Tanto que este se cansou de acusarlles de ir en contra do modelo de cidade, retándolles a presentar unha moción de censura.
Unha das máis recorrentes foi a relativa aos 'lombos'. Foron varias as ocasións onde a oposición tentou forzar ao Concello a cambiar a súa política de acougado de tráfico. Tanto a modificación do regulamento de circulación como a proposta para crear vías sanitarias uniron a todos os partidos contra o BNG. Iso si, ata agora nada cambiou.
O mesmo ocorreu co PXOM. En 2016 tamén se falou -e moito- de renovar o plan urbanístico de Pontevedra. Houbo ata unha comisión de estudo, presidida pola oposición, pero quedou niso. En estudos e declaracións de intencións. A negativa do goberno, avalada neste caso por ser asunto da súa competencia, fixo que seguise no caixón.
Ou coa compostaxe. O Concello seguiu adiante coa implantación en Pontevedra do novo sistema de aproveitamento dos residuos orgánicos, a pesar de que cada vez que o asunto foi ao pleno -tanto no relativo á planta da Canicouva como na compra de composteiros comunitarios- non lograron o apoio da oposición municipal.
Iso si, non só tivo desgustos o goberno municipal. Neste 2016 tamén houbo alegrías. Como os dez millóns de euros que concedeu Bruxelas a Pontevedra na convocatoria dos fondos europeos ou os novos recoñecementos que logrou o modelo urbano tanto dentro como fóra das nosas fronteiras, como o último recibido en Pequín.
Novos espazos públicos sumáronse á peonalización, cunha maioritaria satisfacción veciñal, como Barcelos ou a nova praza creada diante do Hospital Provincial; e acordos con Deputación -Rolda Leste, campos de herba sintética- ou a Xunta -edificio xudicial, Montecelo, reforma do inmoble de Benito Corbal ou variante de Alba-, tamén foron celebrados.