Da ilusión do play-off de ascenso ao fin da era Luisito

Pontevedra
30 de decembro 2017

Foi un ano de contrastes o 2017 para o Pontevedra Club de Fútbol, no que logrou ilusionar á cidade ao disputar sete anos despois unha fase de ascenso a Segunda División pero no que terminou coqueteando co descenso, o que supuxo o punto final á etapa de Luisito no banco granate

Os xogadores do Pontevedra celebran o gol do empate ante a Cultural Leonesa en Pasarón
Os xogadores do Pontevedra celebran o gol do empate ante a Cultural Leonesa en Pasarón / Diego Torrado

O 2017 foi un ano de contrastes para o Pontevedra Club de Fútbol, que pasou de ilusionar á cidade con xogar sete anos despois un play-off de ascenso a Segunda División a coquetear co descenso despois dunha primeira volta de competición que supuxo o final da etapa de  Luisito no banco granate.

Hai xusto un ano, despois asinar dun inicio de liga esperanzador, o Pontevedra aguantou a presión e o ritmo na segunda volta da competición regular, con remontadas imposibles e Pasarón convertido nun auténtico fortín para delicia dos afeccionados.

A cidade volvía gozar dun equipo que, contra prognóstico, aspiraba a subir á categoría de prata. A xesta completábase a falta dunha xornada, vencendo ao descendido Arandina na casa nun choque que, non podía ser doutra maneira, decidiuse nos minutos finais provocando unha explosión de xúbilo nas bancadas.

O equipo granate concluía cuarto e esperaba un duro sorteo. O rival, quizais o peor posible, un histórico Real Murcia que a pesar dos ánimos e a ilusión pontevedresa pasaría como un ciclón pola Boa Vila deixando mostra do seu potencial e encarrilando a eliminatoria. O gol de Bonilla de penalti (1-3) deixaba aberta a porta á esperanza e facendo gala do lema da afección co 'Pontevedra nunca se rende', os de Luisito tentárono todo na Nova Condomina. Nun auténtico partidazo puxeron contra as cordas aos pimentoneros cun gol de Eneko ao comezo do segundo tempo. Non foi suficiente para remontar, pero despedíanse dunha gran tempada coa cabeza alta.

RENOVACIÓN PROFUNDA NO PLANTEL

Chegou o verán e con el unha profunda renovación no plantel. Marcharon pesos pesados do equipo cuxo caché se tiña revalorizado, e o club asumiu o reto de confeccionar un novo equipo coa intención de mellorar a tempada que acaba de finalizar. A fase de ascenso situábase agora como obxectivo e para iso investíanse máis cartos no apartado deportivo. Así o sinalaron os dirixentes.

Por desgraza, no fútbol 2+2 non sempre supoñen 4, e o feito de contar cun plantel máis amplo e, en teoría, cualificado, non se reflectiu no terreo de xogo no inicio do novo curso, alá polo mes de agosto.

O Pontevedra asinaba o seu peor arranque ligueiro en 38 anos, con 1 punto de 15 posibles ao que se sumou a eliminación ás primeiras de cambio na Copa do Rei. Desde o club apelábase á tranquilidade e confianza e o certo é que o equipo reaccionou. Tres vitorias consecutivas, catro en cinco xornadas, parecían devolver a tranquilidade a beiras do Lérez, pero algo cambiara.

Se ao comezo de 2017, aínda na tempada anterior, os partidos acaban caendo a favor dos granates nos últimos minutos, con remontadas mesmo imposibles, agora eses instantes finais e decisivos penalizaban, e así escaparon ata 8 puntos ante equipos como a Ponferradina, Deportivo B, Talavera ou Guijuelo, neste caso tras chegar ao tempo de desconto cun 1-3 a favor.

FIN DA ETAPA DE LUISITO

Foron ata nove xornadas consecutivas sen gañar ata o peche da segunda volta, coas vacacións de Nadal ás que o equipo chegou ocupando o posto de promoción pola permanencia, a só dous puntos do descenso directo.

No medio desta mala serie Luisito tomou a determinación de dimitir, tras a derrota en Talavera, pensando que non quería ser un problema para a reacción do equipo. Non aceptou a dimisión o Consello de Administración, que deu un voto de confianza ao técnico e apostou por facer cambios a final de ano. Todas as miradas apuntaban cara ao plantel, pero ao final o primeiro en saír foi o propio adestrador, cesado esta vez polo Consello pechando un ciclo que durou exactamente tres anos e dous meses. Polo medio, un ascenso a Segunda B e dúas notables tempadas na categoría de bronce. Bos momentos que o adestrador de Teo valorou á hora de dicir adeus a unha afección que "deumo todo", segundo asegurou emocionado na súa despedida "orgulloso" de poder ser adestrador dun "club inmenso" como o Pontevedra.