Billete para o play off. O Pontevedra permítese soñar ao impoñerse a unha "motivada" Arandina (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Billete conseguido. Custou o indecible e chegou cando xa parecía imposible. O Pontevedra xogou unha gran primeira parte na que debeu golear e unha moi mala segunda, agarrotado polos nervios e a responsabilidade de pechar a clasificación para loitar polo ascenso, fronte a unha Arandina extraordinaria e curiosamente "motivada", que parecía xogarse unha permanencia perdida unha semana atrás.
Porque ninguén entendeu a actitude e o comportamento dos visitantes, especialmente tras encaixar o gol de Íker Alegre que daba a vitoria aos de Luisito, protestando cada acción coma se fóselles a vida e encarándose cos xogadores locais cando o árbitro pitou o final e estes pretendían celebrar o éxito cos seus, ademais dalgúns dos homes visitantes retirándose aos vestiarios mentres dirixían xestos reprobables á bancada.
Son as "curiosidades" das últimas xornadas, nas que tantas veces suceden cousas de difícil explicación, pero que non deben enturbar a alegría granate, tras conseguir outra nova vitoria ao límite e unha clasificación coa que quizais ninguén soñaba ao comezo de tempada.
Puido e debeu resolver o Pontevedra xa na primeira parte, especialmente tras adiantarse moi pronto no marcador, pero un descoido na marcaxe defensiva á saída dun corner custoulle o empate na primeira aproximación dos casteláns á súa portería e logo non foi capaz de reflectir no marcador todo un rosario de ocasións desperdiciadas, poñendo de manifesto unha vez máis as súas dificultades para facer gol.
Os de Luisito foron claramente superiores a unha Arandina que non veu disposta a regalar nada, a pesar de consumar o seu descenso de categoría a pasada xornada, recorrendo a intentos constantes de perder tempo e arrefriar o ritmo do partido. Coa bancada de Pasarón presentando a mellor entrada da tempada, a afección local envorcouse en empuxar aos seus e estes responderon sometendo a un costante asedio ao seu rival, presionando moi arriba a saída de balón, chegando unha e outra vez, pero facendo gala dunha falta de puntería preocupante.
Case sen tempo para asentarse no campo, Eneko abría o marcador, tras un centro de Bonilla para Añón, que rexeitou a defensa, pero que recuperou o mesmo Añón, deixando para que o extremo colocase o balón raso xunto ao poste.
Parecía que nada se podía complicar xa, pero a Arandina non baixou os brazos e avisou cun lanzamento de Omar que rexeitou Edu. Pouco despois chegaba o empate, nun corner mal defendido, que a defensa local permitiu a Pablo rematar de cabeza absolutamente só na área pequena.
Había que volver empezar e a iso púxose o Pontevedra, que mandaba no campo, pero que ata superada a media hora non logrou transformar ese dominio en ocasións claras. Iso si, cando o fixo chegaron unha tras outra, e do mesmo xeito falláronse. Tívoa Añón, nun remate de cabeza a centro perfecto de Bonilla, que mandou arriba cando estaba absolutamente só. Tivérona tamén Jacobo, que rematou alto desde a frontal e Kevin Presa, que viu como o seu disparo mandáballe a corner Montiel, e o mesmo Montiel evitou por dúas veces os remates de Jacobo Trigo, rexeitando con apuros.
No medio de todo iso tentouno desde moi lonxe Mauri, pero Edu evitou a sorpresa mandando o balón a corner e deixando a resolución para a segunda parte.
Pero o regreso de vestiarios ofreceu a un Pontevedra esvaecido, superado pola responsabilidade e incapaz de facerse co control. Así, tras un primeiro intento de Kevin Presa que saíu cruzado, a Arandina, cunha intensidade crecente, empezou a inquietar e a buscar a área de Edu.
Luisito dera entrada a Íker Alegre ao comezo do segundo período, e moi pronto esgotou os cambios, arriscando a meter a Mateu e Álex González para buscar maior poder ofensivo. Non lle saíu como quería. Con máis de media hora por diante, o técnico de Teo arriscábase a quedar en inferioridade en caso dalgún contratempo, pero ese contratempo estivo a piques de chegar en varias ocasións, ante a ambición visitante.
Carlos foi o primeiro en poñer a proba a Edu. Logo faríao Momar Ndoye nunha perigosa contra que tamén abortou o meta local e unha máis clara aínda para Carlos, que rematou á cepa do poste.
Coma se esa fose a espoleta que necesitaba, o Pontevedra espertou e a falta de 14 minutos volveu crear oportunidades. Tívoa Añón, nun centro de Íker Alegre. Logo Abel. Evitouno o porteiro e por último Mateu, que rematou de cabeza fora unha falta lanzada por Bonilla.
Quedaban cinco minutos cando chegou a explosión de Pasarón. Álex González desbordou por banda e puxo un centro raso que Íker Alegre mandou ao fondo da portería, cun remate raso que pillou a contrapié a Montiel. Era o premio a un gran traballo de todo o colectivo e especialmente a un home como o dianteiro asturiano, lesionado durante máis de sete meses e recuperado a tempo para marcar un gol decisivo.
Agora unha semana para gozar e logo esperar rival. Soñar está permitido.
PONTEVEDRA CF (2): Edu; Miguel, Jacobo Trigo, Bruno, Bonilla; Kevin Presa, Mouriño (Álex González, minuto 54), Abel; Eneko (Mateu, minuto 54), Jacobo (Íker Alegre, minuto 46) e David Añón.
ARANDINA CF (1): Montiel; Nacho Ruiz (Sergio, minuto 31), Rubén Garcés, Pablo, Mauri; Álex Barrera, Leo Ramírez; Carlos, Omar, Momar Ndoye (Ruba, minuto 72); e Jonathan Rubio (Plaza, minuto 57).
Árbitro: Víctor García Verdura (Cataluña), auxiliado nas bandas por Jordi Fulla Planas e Eduardo Hernández Cacho. Amoestou a Kevin Presa, Miguel, Íker Alegre, Jacobo Trigo, Edu e Bruno, polo Pontevedra, e a Leo Ramírez e Álex Barreira, pola Arandina.
Goles: (1-0) Minuto 7: Eneko. (1-1) Minuto 18: Pablo. (2-1) Minuto 85: Íker Alegre.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 6.500 afeccionados. A vitoria supón a clasificación matemática do Pontevedra para a disputa do play-off de ascenso a Segunda División, como cuarto clasificado do grupo I de Segunda B.
Relacionadas:
-
Da ilusión do play-off de ascenso ao fin da era Luisito
Por Diego Espiño |
-
Intranscendente derrota do Pontevedra en Mieres (2-1) coa mente posta no play-off
Por Diego Espiño |
-
Mieres, banco de probas do Pontevedra pensando na fase de ascenso
Por Diego Espiño |
-
Capi lesiónase e periga a súa presenza no play-off
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- Para lembrar as xestas do Pontevedra... 'primeiro hai que vivilas'
Por Redacción |
-
O Pontevedra xa mira cara aos seus posibles rivais no play-off de ascenso
Por Diego Espiño |
-
A por tres puntos que valen un play-off
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, "contento" tras renovar o acordo de patrocinio coa Deputación
Por Diego Espiño |
-
Iker Alegre apúntase á fase decisiva da liga
Por Diego Espiño |
-
Pasarón tamén xoga ante a Arandina
Por Redacción |
-
Perdoa o Boiro e o Pontevedra arrinca un punto de ouro (1-1) que lle achega ao obxectivo
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |