Os crimes machistas de 'Lupe' Jiménez en 2014 e Conchi Reguera en 2015en Ponte Sampaio marcaron a actualidade xudicial do ano 2016. Os seus asasinos, José Luis Cortiñas e Juan Antonio Lusquiños, 'Coco', sentaron no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra, ambos para ser xulgados por un xurado. O tribunal popular consideroulles a ambos os culpables dun asasinato con aleivosía de quen fora as súas parellas e condenou ao asasino de 'Lupe' a 20 anos de prisión.
O xuízo polo crime de 'Lupe' estivo, ademais, marcado pola presenza da familia da falecida, que protagonizou momentos de tensión nos exteriores da Audiencia cun grupo de persoas increpando o vehículo no que Cortiñas era trasladado nun furgón policial a prisión e tamén dentro da sala, ao berro de "asasino". Na última sesión da vista mesmo houbo un altercado dentro da sala no que se lanzaron botellas e houbo familiares da falecida que se saltaron o control policial e agrediron ao acusado.
Outro dos fitos da actualidade xudicial de 2016 foi o xuízo con xurado polo crime de Secundino Pego en Chancelas (Poio), no que Albertina Táboas e Rocío Gondar resultaron condenadas a 22 e 20 anos e medio de prisión, respectivamente. O xurado considerou por unanimidade que ambas "de mutuo acordo" mataron o ancián, golpeándolle máis de 18 veces cunha tixola, o seu propio bastón e unha pedra.
Na crónica de tribunais do ano que termina non poden faltar o xuízo por violación nas galerías Sol de Marín, tras o que Babacar M. foi condenado a sete anos de prisión, ou o paso polos tribunais en dúas ocasións da ex secretaria xeral da Cámara de Comercio de Pontevedra, Charo Lorenzo, condenada coa súa conformidade polos delitos de negociacións prohibidas a funcionarios e suborno durante a súa etapa á fronte do ente cameral da capital. Tras a sentenza, foi despedida da nova Cámara fusionada de Pontevedra, Vigo e Vilgarcía por "quebra de confianza" e ela recorreu, de modo que volveu a xuízo, nesta ocasión, como demandante.
Óscar Manuel Rial Iglesias, coñecido como 'El Pastelero' e considerado polas forzas de seguridade como "un dos maiores narcotraficantes actualmente en activo" de Galicia, tivo este 2016 a súa primeira sentenza en contra, seis meses de prisión como autor dun delito contra a Facenda Pública por defraudar 381.553,44 euros, tras ir a xuízo nos xulgados da Parda.