Yago Iglesias, confirmado como novo adestrador do Pontevedra

Pontevedra
16 de xuño 2023

O Pontevedra Club de Fútbol elixiu adestrador, e será finalmente o santagués Yago Iglesias, tras unhas xornadas de intensas negociacións e con varios candidatos sobre a mesa. Será presentado o vindeiro luns 19 de xuño no Estadio Municipal de Pasarón

Yago Iglesias, no partido de Segunda División B en Pasarón entre Pontevedra CF e SD Compostela Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol tomou unha decisión. Yago Iglesias será o seu adestrador a próxima tempada.

O santiagués, que as dúas últimas campañas adestrou o Zamora, chegou a un acordo co club granate a última hora deste venres, tras unhas xornadas de intensas negociacións nas que tamén estaban implicados outros candidatos como Míchel Alonso.

A decisión antollábase inminente e así foi. Finalmente será Yago o encargado de asumir o reto de devolver aos granates á Primeira RFEF.

Iglesias xa soou con forza como candidato ao posto tras o seu bo papel no Compostela, pero nese momento terminou comprometéndose co Zamora en Primeira RFEF. Tras o descenso do equipo seguiu á fronte en Segunda RFEF chegando ao play-off de ascenso, onde os castelán-leoneses foron finalmente eliminados.

O novo adestrador do Pontevedra será presentado oficialmente o vindeiro luns 19 de xuño no Estadio Municipal de Pasarón.

Unha decisión, a do club granate, que se produce sen comunicar aínda oficialmente o adeus de Juan Señor, cuxo contrato expirou coa finalización da tempada ao non lograr o obxectivo marcado da permanencia.