Unha saída 'rara' para a San Silvestre e cun desexo claro: "que o ano que vén poidamos estar todos aquí"

Pontevedra
31 de decembro 2020

Non eran os 7.000 rexistrados e preto de 8.000 atletas do pasado ano, pero a San Silvestre de Pontevedra non quixo pasar o seu día, o 31 de decembro, sen deixarse ver, aínda que fose cunha 'rara' saída simbólica, como o é a edición da popular proba marcada pola pandemia e que aínda se prolongará ata o próximo 15 de xaneiro

Saída simbólica da 'Rara, pero San Silvestre' Mónica Patxot

Non eran os 7.000 rexistrados e preto de 8.000 atletas do pasado ano, pero a San Silvestre de Pontevedra non quixo pasar o seu día, o 31 de decembro, sen deixarse ver, aínda que fose cunha 'rara' saída simbólica, como o é a edición da popular proba marcada pola pandemia e que aínda se prolongará ata o próximo 15 de xaneiro.

Puntual como cada ano a Avenida Montero Ríos acolleu esta particular saída ás 17.00 horas, con personaxes de excepción e protagonistas da historia da carreira. Alí estaban o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e a presidenta da Sociedade Gimnástica, Charo Castro, pero tamén o primeiro gañador da proba en 1977, Estanislao Durán, a súa última gañadora, Candela Sánchez, e o atleta con máis cordóns no seu palmarés, Víctor Riobó, ademais de dous ex-presidentes da Gimnástica como Ramón Touza e José Luis Vidal.

"Eu espero que o ano que vén, o 31 de decmbro de 2021, poidamos estar todos aquí pero non solo nós, senón os 7.000, 8.000 ou cantos máis mellor para celebrar un ano 21 que esperemos que sexa moito mellor que o ano 20", sinalou na súa intervención o edil de Deportes.

A 'Rara, pero San Silvestre' chegaba este día 31 de decembro ao seu ecuador, e faino con "case 1.000 persoas anotadas na páxina da Sociedad Gimnástica e superamos os 4.000 quilómetros completados", confirmou Fernández, para quen con este reformulado evento quérese incidir en que "o importante é facer exercicio, actividade física".

Por ese motivo, aínda que as cifras son considerables "es importante que la gente se anime y participe, que podamos incrementar ese número y que la gente vea lo bien que lo hacemos aquí en Pontevedra", explicou pola súa banda Charo Castro.

Este ano non ía ser menos, a San Silvestre cumpre coa súa vertente solidaria, instalando colectores para a recollida de alimentos nos primeiros metros dos circuítos elaborados para a ocasión.

Ata o 15 de xaneiro, os que queiran participar na 'Rara, pero San Silvestre' poderán facelo inscribíndose na web da Gimnástica rexistrando despois a súa actividade nos itinerarios previstos:

  1. Illa das Esculturas-Avenida de Bos Aires (4.600 metros)
  2. A Xunqueira de Alba (3.800 metros). 
  3. Ponte do Burgo-Ponte das Correntes (1.000 metros) 
  4. Miradoiro da avenida de Marín-Ponte dos Tirantes (5.000 metros) 
  5. Alameda-As Palmeiras (1.200 metros)
  6. Senda do Gafos (8.400 metros)
  7. O Gorgullón-Os Gafos (1.600 metros)
  8. Parque do Miradoiro (1.400 metros)
  9. Senda do Lérez (8.000 metros)
  10. Pontillón do Castro (3.360 metros)