Un novo auto xudicial abre a vía á apertura de Rías do Sur

Pontevedra
24 de xullo 2022

A titular do Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Pontevedra estimou as medidas cautelares solicitadas pola Fundación Rías do Sur na vista celebrada o pasado 8 de xullo, que será a que teña que custear o mantemento das instalacións

Primeira xornada de peche completo do Complexo Deportivo Rías do Sur PontevedraViva

O Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños poderá reabrir a piscina olímpica para o adestramento dos clubs deportivos.

Así se establece nun novo auto xudicial da titular do Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Pontevedra, estimando as medidas cautelares solicitadas pola Fundació Rías do Sur.

Vólvese desta forma ao momento ao que se chegou a mediados do mes de xuño, antes de que o proceso se anulase por un defecto de forma fixando unha nova vista entre as partes para o pasado 8 de xullo.

Agora a xuíza volve estimar a petición da Fundación, que confirma a recepción do auto a última hora do venres e que deberá formalizar nos próximos días a súa demanda contra Supera por inclumplir o contrato de concesión ao pechar unilateralmente as instalacións o pasado 1 de abril.

En todo caso mentres esa denuncia nos tribunais non se resolve, será a propia Fundación Rías do Sur co apoio dos clubs a que deberá asumir o custo de mantemento da piscina olímpica.

Esta decisión abre a vía ao regreso para Ponte Muíños dos deportistas federados, que poderán volver adestrar e competir en Rías do Sur, aínda que non supoñerá a apertura do centro a deportistas particulares.

Desde a Fundación Rías do Sur avanzan que o seu equipo xurídico atópase estudando o documento xudicial antes de informar "nos próximos días" cales serán os seus seguintes pasos a dar.