Un inicio de liga sen coñecer a derrota que non se lembra desde a 87-88

Pontevedra
08 de decembro 2020

O Pontevedra Club de Fútbol suma sete xornadas consecutivas sen coñecer a derrota. Non foi derrotado no que vai de tempada, unha circunstancia pouco habitual na época recente do club. A pesar diso marchan na terceira posición xa que 4 deses partidos concluíron en empate

Partido de Segunda División B en Pasarón entre Pontevedra CF e RC Deportivo da tempada 2020/2021

Pequenos detalles en varios encontros, como os goles anulados en Zamora ou contra o Deportivo, ou o mal día do equipo fronte a Unionistas, impediron que o inicio de liga do Pontevedra fose redondo, pero aínda así si que pode cualificarse de moi positivo despois de sete xornadas de competición.

Os granates manteñen a súa imbatilibidade. Non perderon ata a data na liga esta campaña e son terceiros do seu subgrupo con 13 puntos, a 2 do líder grazas a 3 triunfos e 4 empates, un paso firme canto menos por pelexar polo pase directo á Segunda B PRO ou Primeira RFEF, como se bautizou oficialmente.

Non son números para romper a táboa, pero si demostran a solidez dun equipo que aspira ao máximo este curso e que, cando non pode gañar, tampouco perde, aspecto que pode resultar decisivo.

O certo desta estatística é que, sen ser o mellor arranque a nivel de puntuación, o Pontevedra de Jesús Ramos pode presumir xa dun inicio de liga sen coñecer a derrota que non se lembra en anos. Concretamente hai que remontarse á tempada 87/88, cando os granates non caeron ata a novena xornada da competición.

Por medio, entre tantos anos, si se produciron bos comezos ligueiros, en especial na 01/02 cando se perdeu na terceira data fronte á Cultural Leonesa sendo a única derrota en 16 xornadas.

Outros anos conseguíronse encadear seis encontros no inicio de liga (88/89, 03/04, 07/08), mentres que no primeiro ano en Terceira División tras o último descenso, na 11/12, o Pontevedra caeu na primeira xornada pero despois encadeou 8 sen perder, con 7 triunfos. 

Números que serven para mirar ao futuro con optimismo pero á fin e ao cabo que de pouco valerán cando o vindeiro domingo 13 de decembro o balón empece a rodar no Vao fronte ao Coruxo, nunha nova reválida dos de Jesús Ramos que necesitarán sumar os 3 puntos en xogo tras dous empates consecutivos se non queren saír dos tres primeiros postos, e é que no fútbol pouco importa o pasado, só importa o que pasará na próxima xornada.