Tres puntos a domicilio para o Pontevedra cos que facer borrón e conta nova

Pontevedra
30 de setembro 2024

Co triunfo no Nuevo Ganzábal ante o Langreo, o equipo granate puxo fin a máis de seis meses sen vencer lonxe de Pasarón e fíxoo de paso quitando varias pedras da súa mochila 

Once inicial do Pontevedra CF en Langreo Pontevedra CF SAD

Ás veces un partido pode supoñer moito máis que tres puntos en xogo. Pode marcar un punto de inflexión. É o que espera o Pontevedra Club de Fútbol da súa sólida vitoria fronte ao Langreo (0-2) no Nuevo Ganzábal.

É o primeiro triunfo a domicilio da tempada para os granates, na súa terceira saída, pero con el pon fin a unha serie de xeiras negativas que eran pedras na súa mochila.

Máis aló de saír vitoriosos do seu primeiro enfrontamento do curso sobre céspede artificial, o de Langreo é o primeiro triunfo como visitante en máis de seis meses para os de Yago Iglesias. Encadeaban, entre a tempada pasada e o inicio da nova, oito saídas sen vencer lonxe de Pasarón.

Á novena foi a vencida, e ademais o Pontevedra conseguiuno deixando a súa portería a cero, algo que non sucedía a domicilio precisamente desde o encontro en Langreo do anterior curso, a finais do mes de xaneiro. Levaban o granate dez desprazamentos encaixando polo menos un gol.

Dous aspectos para afrontar con maior confianza os seus próximos compromisos co obxectivo de consolidarse na zona alta da táboa e axexar o líder Numancia.

No calendario do Pontevedra aparece agora un partido no seu fortín de Pasarón contra o Marino de Luanco o vindeiro domingo 6 de outubro (17.00 horas) que terá continuidade o resto do mes cun encontro fóra fronte ao Escobedo, outro na casa contra o Rayo Cantabria e finalmente outra viaxe ao campo do Guijuelo.