Támara Echegoyen vence no Campionato de Oceanía e mira cara o Mundial

Pontevedra
03 de febreiro 2020

A regatista pontevedresa e a súa compañeira no 49er FX, Paula Barceló, superaron ás medallistas de prata dos últimos Xogos Olímpicos nunha cita que se disputaba no mesmo lugar no que dentro duns días comeza o Campionato do Mundo

Támara Ehegoyen e Paula Barceló durante o Campionato de Oceanía Drez Malcolm

Despois do pau que supuxo o seu abandono no recente Mundial disputado en Nova Zelandia, o pasado mes de decembro, Támara Echegoyen e Paula Barceló volven á carga co obxectivo de situarse entre as mellores tripulacións do mundo na clase 49er FX de vela.

Ao tratarse de ano olímpico o calendario volve deparar en só uns días un novo Campionato do Mundo, esta vez en Geelong, cidade situada ao sueste de Australia, onde este luns e a modo de previa vén de terminar o Campionato de Oceanía.

Nesta proba continental Echegoyen e a súa compañeira de tripulación sumaron unha medalla de ouro que lles eleva a moral de cara ao Mundial, pois se impuxeron cunha vantaxe de 15 puntos sobre as medallistas de prata en Río 2016 e campioas do mundo en 2013, as neozelandesas Alex Maloney e Molly  Meech.

A competición constou dun total de 10 regatas, nas que Támara e Paula fixeron podio en sete delas, logrando ata catro vitorias parciais.

"Estamos moi contentas, non só polo resultado senón polo ben que sentimos navegando na auga", sinalou desde Australia a campioa olímpica pontevedresa.

"É un quecemento para a próxima semana, que é onde vén o importante", recoñece Echegoyen, polo que "imos recompilar as boas sensacións deste campionato, apuntar os erros cometidos e tentar aprender deles; e nestes días que temos, limar un pouco máis para poder chegar nas mellores condicións ao Mundial".

O Campionato do Mundo de Vela para as clases 49 erFX, 49 er e  Nacra 17 celebrarase a partir do luns 10 de febreiro.