Foron meses de reflexión, pero Támara Echegoyen tomou a decisión de seguir competindo na vela olímpica e tentar clasificarse para París 2024, á que sería a súa cuarta experiencia nuns Xogos.
Así o confirmou a deportista pontevedresa este mércores nunha entrevista do xornalista Iván Antelo, en La Voz de Galicia, esfollando a margarida dunha decisión que estaba no aire desde que lograse o cuarto posto en Tokyo, por segunda vez ás portas das medallas na clase 49er FX, do mesmo xeito que sucedeu en Río 2016.
Echegoyen, ouro olímpico en Londres 2012 na modalidade de Match Race, fora incluída nunha preselección do equipo olímpico español de vela para o inicio do novo ciclo xunto á balear Paula Barceló, coa que xa competiu en Xapón e coa que se proclamou campioa mundial de 49er FX, a pesar de que aínda non decidiran se seguirían navegando xuntas.
Agora, desvelada a incógnita, toca poñerse a traballar para recuperar os meses perdidos e poñerse a ton canto antes, aínda que ao seu favor contan cos poucos cambios na normativa do 49er FX no que seguirán competindo.
Támara Echegoyen e Paula Barceló non estarán aínda na primeira gran cita da tempada de vela, o Trofeo Princesa Sofía, poñendo o seu obxectivo nos grandes retos do curso como o Campionato de Europa previsto en xullo en Dinamarca e no Mundial que se disputará en Canadá a principios do mes de setembro.