O equipo español de vela xa está en Xapón para aclimatarse e preparar os inminentes Xogos Olímpicos de Tokyo, e con eles a pontevedresa Támara Echegoyen.
A campioa olímpica en Londres 2012 e cuarta clasificada en Río 2016 vivirá este 2021 a súa terceira experiencia nuns Xogos aspirando de novo todo o máis alto, como demostra o seu título mundial de 2020 no 49 er FX facendo equipo coa balear Paula Barceló.
Os 15 regatistas españois clasificados para os Xogos foron dos primeiros en chegar a Tokyo. Por diante, Támara afronta 15 días xustos de aclimatación e posta a punto antes da súa primeira regata olímpica, prevista para o martes 27 de xullo. No seu caso a competición prolongarase ata a 'medal race' do luns 2 de agosto.
Á súa chegada ao país nipón o equipo nacional de vela tivo que pasar un exhaustivo control de entrada, tras o cal foron recibidos por un representante da cidade de Zushi, que lles acollerá ata a apertura da vila olímpica.
Esa apertura producirase o mércores 14, unha xornada antes do primeiro día de adestramentos oficiais permitido pola organización. A partir de aí trasladaranse a Enoshima, subsede que acollerá a competición de vela.
A conta atrás comezou.