Rufo recupera o sorriso e deixa atrás a sombra da súa lesión: "Pensaba que me ían a quedar secuelas"

Pontevedra
22 de febreiro 2022

Case catro meses tiveron que pasar para que Rufino Familiar 'Rufo' volvese celebrar un gol co Pontevedra en liga, un tanto conseguido fronte ao Arenteiro que pecha un círculo deixando atrás a sombra dunha lesión de nocello que case acaba coa súa tempada. Agora, recuperado física e animicamente, "espero que sigan chegando moitos máis", asegura

Brais, Rufo e Charles, no partido de Segunda RFEF entre o Pontevedra CF e o Llanera en Pasarón Cristina Saiz

Case catro meses tiveron que pasar para que Rufino Familiar 'Rufo' volvese celebrar un gol co Pontevedra Club de Fútbol en liga, un tanto conseguido fronte ao Arenteiro que pecha un círculo deixando atrás a sombra dunha lesión de nocello que case acaba coa súa tempada. Agora, recuperado física e animicamente, "espero que sigan chegando moitos máis", asegura, xa que "sempre que poidas axudar ao equipo co teu, que é meter goles, pois un está máis contento".

Cando caeu lesionado en Segovia, o 24 de outubro e tras anotar o seu sexto gol nas primeiras 7 xornadas do campionato, non podía adiviñar o dianteiro madrileño a dura recuperación que tería por diante e tamén as dúbidas que xurdirían durante o proceso. "Pensaba que me ían a quedar secuelas", recoñece  Rufo, "pero de feito nin vendo o nocello. Tiven escordaduras moito máis leves que me deron problemas e vendeime moito tempo, e a verdade que este desde o primeiro momento atópome ben".

O ariete reapareceu o 23 de xaneiro ante o Compostela e desde entón foi acumulando minutos durante cinco xornadas, aínda que só unha como titular, tempo suficiente para defender que "fisicamente a verdade é que estou xa a un ritmo óptimo", poñéndose ao dispor de Ángel Rodríguez para cando o necesite. "Cando queira utilizarme estarei preparado", defende.

Para  Rufo o triunfo no Carballiño "é unha partido clave da tempada, dos que marcan o ano, e creo que é un antes e un despois"

En todo caso o gran rendemento de Brais Abelenda como segundo punta pon difíciles as cousas ao técnico, e é que o ex do Compostela "o que nos achega dentro do campo é unha marabilla porque se asocia moito, dáche moito xogo, logo ten gol, ten unha visión de fútbol moi bonita e dentro do campo fai todo máis fácil", encomia o seu compañeiro no plantel granate.

O que si ten claro  Rufo é que o triunfo na casa do Arenteiro, unido ao tropezo do líder que reduce ao mínimo a distancia que lles separa "é un partido clave da tempada, dos que marcan o ano, e creo que é un antes e un despois, porque é a primeira vez que estamos tan preto do Adarve en puntos e eles agora teñen un pouco máis de presión".

Por diante quedan só 12 xornadas e todo por decidir, sendo consciente unha das figuras para a afección pontevedresa que "o ritmo que marcamos tanto o Adarve como nós na primeira volta é complicado volver conseguilo. Creo que os equipos iremos deixando máis puntos pero tentaremos que sexan o menos posibles para facernos co obxectivo que é terminar primeiros".

Para conseguilo será importante manter a comuñón cos seguidores que se viviu no Carballiño e coa que desde o plantel "estamos encantados", asegura desexando "que a xente se anime máis, consigamos o ascenso e facer unha comuñón boa coa afección xa que o ano pasado entre o coronavirus e a mala tempada que se fixo non puido ser". É o desexo dun xogador que a principios de curso renovou cos granates ata 2024. Hai  Rufo para longo.