Romay di adeus á tempada ao confirmarse a rotura do cruzado: "Toca recuperarme y animar desde fuera"

Pontevedra
06 de decembro 2020

O futbolista do Pontevedra Club de Fútbol estará entre 6 e 8 meses afastado dos terreos de xogo ao confirmar a resonancia magnética á que foi sometido este sábado que sofre unha rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo dereito

Romay, no partido de liga entre Pontevedra e Unionistas en Pasarón Cristina Saiz

Os peores prognósticos fixéronse realidade e Romay non volverá vestirse de curto esta tempada co Pontevedra Club de Fútbol.

A resonancia magnética á que foi sometido este sábado o futbolista granate revela unha rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo dereito, unha lesión que habitualmente require un período de recuperación que oscila entre os 6 e os 8 meses.

Á espera de coñecer o informe completo da doenza, que podería incluír unha lixeira afectación do menisco, o que xa sabe Romay é que deberá pasar polo quirófano.

"Ya lo tenía un poco asumido", explica a PontevedraViva o centrocampista coruñés, que caeu lesionado no adestramento do pasado mércores nun mal xesto en plena carreira, sen contacto con ningún compañeiro.

Teméndose o peor  "desde el principio hablé con gente que lo había pasado para pillarlo con ganas", recoñece. Por iso asegura que "lo cojo con fuerza" consciente de cal será agora o seu papel no equipo. "Toca recuperarme y animar desde fuera", sinala poñéndose xa como obxectivo chegar plenamente recuperado ao comezo da próxima tempada.