Roland Garros, no horizonte de Jéssica Bouzas como nova Top-100

O Salnés
15 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Coa súa subida no ranking mundial, aparecendo este luns 15 de abril no posto máis alto da súa carreira ata a data (90), a tenista arousá ten case segura a súa presenza na fase final de Roland Garros de maneira directa, sen ter que pasar pola previa

Jéssica Bouzas, nun partido en Roma no ano 2023 RFET

Fai nove meses Jéssica Bouzas gozaba da súa primeira experiencia no cadro final dun Grand Slam, ao superar a fase previa de Wimbledon e caer despois na primeira rolda do torneo.

Agora, menos dun ano despois, albisca a que será a súa segunda presenza entre as mellores nun torneo 'grande', pero farao grazas a unha espectacular escalada no ranking mundial da WTA, no que este luns 15 de abril toca o posto máis alto da súa carreira ata a data (90) grazas ao subcampionato no Open de Zaragoza ITF W100. Era a súa quinta final da tempada.

A arousá está por primeira vez entre as 100 mellores do planeta, unha situación que a coloca en posición inmellorable para entrar de maneira directa no sorteo de Roland Garros, no que participan 128 tenistas (112 directas por ranking e 16 procedentes da previa).

Antes do Grand Slam de terra batida, que arrincará o 20 de maio, entre os próximos torneos de Jéssica Bouzas aparece marcado en vermello o WTA 1.000 de Madrid, no que as últimas tempadas participou desde a fase previa.

O ascenso no ranking situou ademais a Bouzas como cuarta mellor tenista nacional ao superar na clasificación a unha ex-número dous mundial como Paula Badosa, agora no posto 93. Por diante xa só están Sara Sorribes (número 51), Cristina Bucsa (73) e Rebeka Masarova (80), unha situación que ademais pon ao alcance outro soño, o de poder disputar os Xogos Olímpicos.