Renovar ao groso do seu plantel e buscar recambio para María Lago, plans do Arxil para a nova tempada

Pontevedra
02 de xuño 2022

O club pontevedrés xa traballa na planificación da próxima tempada, na que repetirá presenza na Liga Feminina 2 coa mira posta en pelexar polo play-off de ascenso

Mayte Méndez, no partido de Liga Feminina 2 entre CB Arxil e Adareva Cristina Saiz

O Club Baloncesto Arxil xa traballa na planificación da próxima tempada, na que repetirá presenza na Liga Feminina 2 coa mira posta en pelexar polo  play-off de ascenso.

O salto de categoría escapouse por detalles a campaña recentemente finalizada, por iso a principal prioridade da comisión deportiva arxilista encabezada pola adestradora Mayte Méndez é lograr a continuidade do seu núcleo duro.

Nesa terna atópanse a serbia Dunja Buzadzin, a norteamericana Heather Forster, a bahameña Ruth Adams ou Nerea Liste, xunto ás xogadoras de casa e asentadas no club desde hai anos.

Ademais prevese realizar unha incorporación no posto de escolta para cubrir a longa convalecencia á que enfronta María Lago,lesionada de gravidade na fase de ascenso de Melilla e que estará aínda moitos meses afastada das canchas de xogo.

Só no caso de que se produzan saídas o Arxil valorará realizar máis fichaxes para o seu primeiro equipo, tentando apoiarse ao máximo no seu filial mantendo a súa filosofía de traballo.