Primeiras baixas no Arosa tras o seu descenso a Terceira RFEF: Pedro Beda, Martín Ross, Alberto Martín e Mon

O Salnés
26 de maio 2022

O club arlequinado comunicou ademais a saída do segundo adestrador, Miguel Domínguez, que tampouco continuará no club acompañando no novo proxecto a José Luis Míguez 'Luisito'

Pedro Beda, no partido entre Arosa e Bergantiños na Lomba

O Arosa empeza a clarificar o seu plantel para a próxima tempada, primeiro coa renovación do capitán Julio Rey e agora coas primeiras baixas confirmadas no seu primeiro equipo tras o descenso a Terceira RFEF.

Os futbolistas que non seguirán defendendo a camiseta arlequinada son Pedro Beda, Martín Ross, Alberto Martín e Mon, segundo confirmou o club de Vilagarcía.

No caso dos tres primeiros xogadores o Arosa decidiu non realizar oferta de ampliación dos seus contratos, que finalizaban este curso, mentres que si houbo interese en Mon, pero declinou o ofrecemento ao ter decidido abandonar Galicia por motivos persoais.

Tanto Pedro Beda como Ross e Mon permaneceron na Lomba o últimas tres tempadas, xogando un play- off de ascenso, logrando un ano despois o salto de categoría e a pasada campaña xogando na Segunda RFEF, mentres que o estremeño Alberto Martín despídese do equipo despois dunha campaña.

As baixas non afectan esta vez só a futbolistas, e é que o Arosa confirmou ademais a saída do segundo adestrador Miguel Domínguez, que non continuará no novo proxecto comandado desde o banco por José Luis Míguez ' Luisito' pese ao interese da entidade por que así fose.