Pontevedra, principal candidata a albergar en agosto o Campionato de España Sprint de tríatlon

Pontevedra
24 de xuño 2020

A Federación Española de Tríatlon traballa estes días na elaboración do novo calendario da tempada, tras o parón motivado polo coronavirus, e nel Pontevedra posiciónase como unha alternativa para probas de nivel. No aire está tamén a segunda edición do Pro Tour, que en principio ía celebrarse de novo na Boa Vila

Javi Gómez Noya, no Campionato de España de tríatlon sprint 2015 disputado en Pontevedra

A Federación Española de Tríatlon traballa estes días na elaboración do novo calendario da tempada, tras o parón motivado polo coronavirus, e nel Pontevedra posiciónase como unha alternativa para probas de nivel. 

De feito a Boa Vila preséntase como a principal candidata a acoller o Campionato de España Sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé), que se pretende celebrar a fin de semana do 22 e 23 de agosto.

Trátase da data na que debía celebrarse a XX edición do Tríatlon Cidade de Pontevedra, Campionato Galego Absoluto que a Federación Galega de Tríatlon recolocou para o 26 de setembro no seu novo calendario.

De todos os xeitos a organización do Nacional, que xa se celebrou en Pontevedra en 2015 con triunfo de Javier Gómez Noya, non está aínda pechada e non se quere dar segura ao 100% ante a situación de incerteza que provoca o Covid-19. O que si houbo xa é contactos cos responsables deportivos da cidade, que se mostrou receptiva coa proposta.

Outro dos aspectos que debe definir nos próximos días ou semanas a Federación Española é que pasará coa segunda edición do Pro Tour, que estaba comprometida de novo para Pontevedra pero que parece complicado celebrar ante o apertado do calendario internacional no que respecta a as grandes figuras nacionais.