Pasarón renderá tributo a Cristian Fernández polo seu título no Mundial de Acuatlón

Pontevedra
11 de maio 2023

O deportista de Poio, socio do Pontevedra Club de Fútbol, será o encargado de realizar o saque de honra no partido do próximo sábado 13 de maio (19.00 horas) fronte a Unionistas, tal e como confirmou o club granate

Cristian Fernández, tras proclamarse campión do Mundo de acuatlón Ben Lumley / World Triathlon

Gañar unha medalla de ouro mundial nunha competición de elite está ao alcance de moi poucos. Por ese motivo a Cristian Fernández, flamante campión do Mundo de acuatlón na recente carreira celebrada en Eivissa, acumúlanselle as homenaxes.

O deportista de Poio, que xa foi recibido pola corporación municipal da súa localidade natal, será obxecto dun novo tributo con motivo do partido que o Pontevedra Club de Fútbol xogará o vindeiro sábado 13 de maio (19.00 horas) en Pasarón fronte a Unionistas de Salamanca.

Tal e como confirmou o club granate Cristian será o encargado de realizar o saque de honra do partido.

Unha homenaxe desde o agarimo do club granate non só a un deportista contrastado da comarca, senón a un dos seus socios, xa que Cristian Fernández é afeccionado e abonado do club pontevedrés.