Os taekondistas do Mace Sport presentan as súas medallas no concello

Pontevedra
07 de febreiro 2020

O alcalde e os represantes do equipo, entre varios temas, falaron sobre os bos resultados obtidos no Campionato de España e sobre o futuro de Sara Cortegoso nos próximos torneos

Lores e os representantes do Mace Sport falan distendidamente Boris Rodríguez Pintos

A mañá deste venres, o alcalde Miguel Anxo Lores e o concelleiro de deportes Tino Fernández, recibiron ao Mace Sport pola súa boa actuación no Campionato de España, que se celebrou o pasado fin de semana en Torrelavega.

Os representantes do club que asistiron a esta reunión foron Sara Cortegoso, ouro en categoría -46 kg;Artai Pavón, bronce en -63 kg; e o adestrador, Miguel Cortegoso. Segundo informan desde o club, o outro participante, Unai Silva, prata en -74 kg, non puido asistir porque tiña exames.

Tras unha pequena charla informal, o alcalde mostrou o seu recoñecemento ao club e aos profesionais de maneira individual, quen ''representa a Pontevedra por todo o mundo''. Os deportistas tamén recibiron un pequeno agasallo de parte do regidor, como mostra de agradecemento, polos resultados obtidos no campeonarto.

Outro dos temas que se tocaron foi o futuro de Sara Cortegoso. Desde o club márcanse como obxectivo a participación nos Xogos Olímpicos de Paris 2024. Para iso disputará proximamente dous campionatos en Suecia nos que pretende seguir mantendo o primeiro posto na clasificación Europea. Tampouco se descarta a súa participación en Tokyo este ano, aínda que debido ás poucas prazas restantes, é posible que deba subir á categoría de -49 kg e disputar o posto á que sería a principal candidata.