A decisión da comisión deportiva estaba tomada desde hai máis dunha semana, pero non foi ata última hora deste mércores que se fixo oficial a súa fichaxe.
Irene Vilaboa será a próxima adestradora da Sociedad Deportiva Teucro, o que a converterá na primeira muller que dirixe a un equipo na División de Honra Prata masculina.
O club pontevedrés, nun conciso comunicado, confirmou o acordo coa técnico, que conta cunha ampla traxectoria en diferentes bancos galegos, tanto masculinos como femininos.
Na súa última experiencia Vilaboa estivo á fronte do Bueu Atlético 7 tempadas, na Primeira Nacional, ao que se suma o seu paso polo Balonmán Porriño na División de Honra Feminina ou no Atlético Guardés. Tamén formou parte do corpo técnico da Federación Galega de Balonmán como seleccionadora galega absoluta feminina e da Federación Española, concretamente na selección junior feminina.
O seu salto ao banco do vicedecano do balonmán nacional será un reto maiúsculo para a adestradora viguesa, que deberá dirixir a un equipo ao que sempre se lle esixen resultados nun ano que traerá consigo unha importante redución orzamentaria provocada pola crise sanitaria.
Non estará soa, e é que ao seu lado estará a súa irmá Rosa Vilaboa, coa que compartiu diversas experiencias nos bancos e que no curso recentemente finalizado traballou como segunda de a bordo de Luis Montes no Teucro, ao que agora Irene releva no cargo.