O Pontevedra prepara unha campaña de socios "más potente" sen subir o prezo dos carnés

Pontevedra
26 de xuño 2019

"Espero que los abonos de esta temporada tampoco suban", recoñeceu a presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo, na extensa rolda de prensa coa que deu por concluída a tempada. A idea é estender a captación cara aos municipios da contorna. O club leva dúas tempadas sen realizar unha presentación da súa campaña de socios

Afección do Pontevedra durante o partido ante o Fuenlabrada en Pasarón Diego Torrado

A extensa rolda de prensa ofrecida a finais de semana pola presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo, deixou grandes titulares no que respecta á planificación do plantel, aos plans para construír unha cidade deportiva e mesmo ao recoñecer que nos últimos meses rexeitou ofertas de capital estranxeiro para facerse co control da entidade, pero outros asuntos quedaron eclipsados, como a súa referencia á campaña de socios da próxima tempada.

Máis aló das novidades deportivas, os afeccionados granates esperan habitualmente con impaciencia a información sobre o prezo dos abonos, e neste sentido Murillo deixou perfiladas as liñas mestras sobre as que virará a captación de socios.

O Pontevedra acumula tres tempadas sen realizar unha presentación oficial da campaña de abonados (a última foi na 15/16). De feito o curso pasado, no que a información aparecía no folleto entregado na festa de presentación do equipo, "a lo mejor llegamos un poco tarde y nos cogió el toro", recoñeceu a dirixente, polo que "esperamos que este año la campaña de socios sea más potente", sinalou.

En concreto esa acción "más potente" refírese ao intento de ampliar a captación cara aos municipios da contorna para tentar recuperar a masa social e "llegar cada vez a más gente", a pesar de que Murillo explicou que a presenza dun equipo de Primeira División como o Celta de Vigo a poucos quilómetros de distancia "nos penaliza".

Lupe Murillo: "Espero que los abonos de esta temporada tampoco suban"

A falta de que se despexen de maneira oficial as incógnitas sobre a campaña, a dirixente granate mantén que "espero que los abonos de esta temporada tampoco suban", o que lles faría salvo pequenos matices manter os prezos por cuarto curso consecutivo, xa que a última subida data da tempada de regreso á Segunda División B.

De ser así, tendo en conta a liga recentemente finalizada, o custo para a categoría sénior sería de 220 euros na bancada de Tribuna, 150 en Preferencia, 90 en Fondo Norte, 80 euros en Fondo Sur e 600 no palco de autoridades. Os xubilados deberían desembolsar 125 euros, 100, 70 e 60 euros respectivamente, os bonificados 110, 75, 70 e 60 euros respectivamente, as peñas 70 euros, os xuvenís 60, 55 e 50 euros para Tribuna, Preferencia e fondos respectivamente, os infantís 40, 35 e 30 euros e o carné baby custaría 10 euros.