O Peixe Galego notifica a plantel e corpo técnico a súa intención de aplicar un ERTE

Marín
23 de marzo 2020

O club marinense é o segundo da comarca, tras o Waterpolo Pontevedra, que confirma a súa intención de presentar un Expediente de Regulación de Emprego Temporal polo parón de competición motivado pola alerta sanitaria do coronavirus. Neste caso, ao tratarse dun equipo profesional, afectará os xogadores de Liga LEB Ouro

O Peixe Galego perde na Raña fronte ao Huesca Diego Torrado

O Marín Peixe Galego presentará un Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) como consecuencia do parón da competición provocado pola alerta sanitaria do coronavirus Covid-19.

Así o confirmou este luns o club marinense, tras notificarlle a súa intención tanto ao plantel de Liga LEB Ouro de baloncesto como ao corpo técnico da entidade, afectados pola decisión.

Trátase do segundo club da comarca en facer oficial que se acolle a un ERTE, tras o Waterpolo Pontevedra, pero é o primeiro cuxo equipo absoluto milita nunha categoría profesional.

Polo momento a Federación Española de Baloncesto só paralizou oficialmente a competición ata principios do mes de abril, pero desde os clubs xa se ve inevitable que a situación se prolongue no tempo, co desfasamento económico que iso supón aos seus xa axustados orzamentos.

Por outra banda o Peixe Galego notificou á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e á Federación Galega de Baloncesto a súa postura sobre o final da tempada que agora está no aire, e que pasa pola suspensión das competicións con efecto inmediato ao entender que non existen garantías de poder retomalas nas próximas semanas.