O Natación Galaico deixa a incerteza de lado para competir en Cádiz no Nacional Infantil

Pontevedra
14 de marzo 2022

No medio das dúbidas instaladas no seo da entidade polo peche da piscina olímpica e tentando por todos os medios reorganizar os adestramentos dos seus nadadores, o club pontevedrés desprazou a tres dos seus deportistas ata Cádiz para participar no Campionato de España Infantil de Inverno

Deportistas do Natación Galaico no Campionato de España Infantil de Inverno celebrado en Cádiz Club Natación Galaico

O Club Natación Galaico vive estes días nun mar de dúbidas, tras o sorpresivo peche da piscina olímpica de Rías do Sur. Non en balde era o lugar de adestramento dos seus case 300 deportistas federados entre as diferentes categorías, e aínda por riba no horizonte aparecen grandes campionatos e obxectivos deportivos.

De feito a competición non se detén e coma se dun oasis tratásese unha delegación do Galaico, tentando ser o máis allea posible á situación e mentres os dirixentes tratan de atopar novos espazos e horas de auga para exercitarse, desprazouse a fin de semana a Cádiz para participar no Campionato de España Infantil de Inverno.

Alí, acompañadas do director técnico Diego Pérez, estiveron Paula Fariña, Sofía Barros e Gisèle Rocha conseguindo resultados notables mellorando en varios casos as súas marcas.

O calendario máis completo afrontouno Sofía Barros ao participar nos 200, 400 e 800 Libre, logrando nos 400 o seu mellor resultado cun sétimo posto entre as deportistas do ano 2009 rebaixando o seu mellor rexistro persoal. Pola súa banda Paula Fariña quedou a só un posto de acceder á final dos 200 estilos, mentres que Gisèle Rocha competiu na proba de 800 Libre.