O novo proxecto do Club Cisne en División de Honra Prata xa ten ao seu seguro baixo paus.
Tras a saída do canario Kilian Ramírez rumbo a Ademar, o club pontevedrés convenceu ao outro gardameta que defendeu as súas cores este ano en Asobal, Roney Franzini, para continuar no equipo.
O gardameta brasileiro, que chegou ao club no tramo final da tempada 21-22 desde o Benidorm para axudar no ascenso á máxima categoría, afronta ademais o novo reto na División de Honra Prata con ambición.
"Imos xogar a Prata pero con moita ilusión de ascender a próxima tempada", asegurou tras anunciarse a súa continuidade.
Trátase do cuarto xogador confirmado para o próximo proxecto do Cisne, para o que tamén renovaron o canteirán Mateo Arias e o caboverdiano Gualther Furtado e ao que chegou como fichado o extremo canario Alberto Delgado.