O estado de Pasarón, unha vía sen saída. Como custearon o cambio de céspede outros equipos de Primeira RFEF?

Pontevedra
10 de xaneiro 2023

As intensas choivas dos últimos meses deixaron ao céspede de Pasarón nunha situación crítica, que afecta ao día a día do Pontevedra. É unha situación que se repite cíclicamente e cunha única solución viable, un cambio de céspede que se antolla moi caro para as arcas do club sen axuda pública

Miguel Román, no partido entre Pontevedra e Badajoz nun maltreito Pasarón David Rodiño

As intensas choivas dos últimos meses deixaron ao céspede de Pasarón nunha situación crítica, que afecta ao día a día do Pontevedra do Pontevedra Club de Fútbol.

A pesar dos esforzos investidos nos últimos tempos no seu coidado, trátase dunha situación que se repite cíclicamente coa aparición da choiva e cando se encadean varios partidos en casa en poucos días, como acontenceu a última semana co Mallorca na Copa e o Badajoz na liga.

Os tratamentos periódicos aos que é sometido o terreo de xogo, con achega de area ou resembrados, son só parches para capear da mellor maneira posible o inverno. Algo que pasa desde a estrea do novo campo en 2012 debido a unha serie factores que apuntan á mala drenaxe instalada e tamén ao tipo de herba elixida.

Desde hai tempo asúmese que a única solución que resultaría definitiva sería un cambio total de céspede acompañada da instalación dunha nova drenaxe, ademais dun desaugadoiro perimetral. O problema, que se trata dunha obra moi cara que non poden soportar actualmente as arcas da entidade granate, que ten cedido o uso e mantemento do Estadio Municipal de Pasarón, unha instalación de titularidade municipal.

Pero, que fixeron outros equipos de Primeira RFEF como o Pontevedra? Esta campaña foron cinco os rivais do equipo da Boa Vila que estrearon céspede, algúns pola obrigatoriedade de cambiar a superficie artificial da que dispoñían para poder competir e outros por simple mellora das súas instalacións. Mirando eses exemplos pódese aproximar o custo que tería facer o mesmo en Pasarón. Claro que en todos os casos estes últimos meses, salvo no de Unionistas de Salamanca, produciuse unha importante achega de diñeiro público.

Empezando polo xa citado, Unionistas, o equipo salmantino tivo que cambiar o céspede do Estadio Reina Sofía, que era sintético. Unha obra que fixou en 300.000 euros e para a que iniciou unha campaña de apoio solicitando a axuda de socios e colaboradores para recadar esta cantidade.

A mesma cantidade, 300.000 euros, achegou o Concello de Mérida para renovar o céspede do Estadio Romano, ao que se sumaron nos últimos meses ata medio millón de euros máis en axudas da administración local para a instalación de novos asentos, gastos correntes, mantemento e patrocinio, segundo reportaron os medios de comunicación.

Outro dos clubs que tivo que adecuar o seu campo de xogo foi a UD Sanse, que recibiu unha subvención directa do Concello de San Sebastián de los Reyes por valor de 549.316 euros para instalar céspede natural en Matapiñonera.

Pola súa banda a AD Ceuta serviuse dunha subvención da cidade autónoma de 900.000 euros, xestionada pola Federación de Fútbol de Ceuta, para renovar o Alfonso Murube, aínda que no seu caso ademais de novo céspede e sistema de drenaxe con esa partida renováronse bancadas, cuberta, vestiarios e ata a sala de prensa.

Por último tamén o Real Club Deportivo substituíu a principios de tempada o céspede do Estadio Municipal de Riazor, no seu caso cunha achega de 200.000 euros do Concello da Coruña como contraprestación á celebración na instalación deportiva dun importante festival musical, o Morriña Fest.

No caso do Pontevedra Club de Fútbol, en 2019 produciuse un achegamento co Concello para valorar o tema, cunha reunión entre a presidenta granate Lupe Murillo e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, comprometéndose por aquel entón o edil para actuar en Pasarón no caso de conseguir o ascenso á Segunda División.