A apertura do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) segue en pé para o vindeiro luns 11 de maio.
Tal e como se previu, e coincidindo co inicio da fase 1 da desescalada, o CGTD abrirá as súas portas seguindo as indicacións do Boletín Oficial do Estado (BOE), que publicou este sábado as condicións concretas nas que se deberá desenvolver a actividade deportiva profesional e federada e, dentro del, as medidas que terán que tomar os centros de alto rendemento.
"Aunque el protocolo ya estaba hecho después de varias de reuniones, solo estábamos esperando a la resolución definitiva", sinala Suso López, director do CGTD. Por iso, seguirán as instrucións do BOE, onde se recolle, en primeiro lugar, que está autorizado o acceso a estes centros "aos deportistas integrados nos programas aprobados, os deportistas de Alto Nivel (DAN), os deportistas de Alto Rendemento (DAR) e os recoñecidos de interese nacional polo Consello Superior de Deportes".
En canto ao acompañamento, só poderán acceder "os deportistas cun adestrador no caso de que resulte necesario, circunstancia que deberá acreditarse debidamente, con excepción das persoas con discapacidade ou menores que requiran a presenza dun acompañante".
Estes poderán ir ao seu "centro de adestramento máis próximo á súa residencia dentro da súa provincia". No caso de que non o houbese, "poderán acceder a outro da súa comunidade autónoma, e senón da limítrofe" sinala o BOE. En canto a esta última condición, o desprazado deberá dispoñer dunha acreditación por parte da federación deportiva correspondente.
Por último, cada centro terá unhas normas básicas de protección sanitaria e de acceso antes da súa apertura, con quendas horarias de acceso e adestramento de máximo dúas horas e media, respectando as distancia de seguridade e o límite do 30% do aforo para deportistas en función da superficie da instalación.
Os espazos dispoñibles serán os hangares de piragüismo e remo, a sala de loita, sala de ergómetros, sala de judo, sala de kárate, sala de taekwondo, a piscina, o pavillón polideportivo, a pista de atletismo, o ximnasio, o aseo de acceso ao edificio principal e o aseo do edificio multiusos.
Para acceder ás instalacións, os deportistas deberán presentar a solicitude segundo o modelo dispoñible na páxina web do Deporte Galego a cgtd@xunta.gal e a aprobación por parte da Secretaría Xeral para o Deporte a través do coordinador do centro.
HORARIO DE APERTURA DO CGTD
Segundo informou o seu director, Suso López, o centro abrirá as súas portas de luns a venres de 8:00 a 22:00 horas, e o sábados de 9:00 a 12:00 horas.