O Atlético de Madrid B, unha particular besta negra no peor momento posible

Pontevedra
18 de febreiro 2020

No medio dunha profunda crise de resultados, o Pontevedra disponse a visitar o vindeiro domingo o campo do filial do Atlético de Madrid, un equipo que nas últimas campañas cruzouse cos granates en momentos clave

Partido de liga entre Pontevedra e Atlético Madrid B en Pasarón Diego Torrado

No medio dunha profunda crise de resultados, con 3 puntos sumados dos últimos 24 e sen gañar desde o 14 de decembro, o Pontevedra disponse a visitar o vindeiro domingo o campo do filial do Atlético de Madrid, un equipo que nas últimas campañas cruzouse cos granates en momentos clave.

O conxunto colchoneiro converteuse nunha especie de besta negra, a pesar de que os granates lograron a permanencia na última xornada da tempada 17/18 precisamente no campo do Atlético de Madrid na última xornada, vencendo 0-2.

Esa é a única excepción a unha serie de partidos que marcaron as últimas campañas do equipo pontevedrés. Así, no mesmo curso 17/18 o filial venceu en  Pasarón (0-1), algo que repetiu un ano despois na 18/19 na xornada 37 do campionato cando o conxunto por aquel entón adestrado por Luismi apuraba as súas opcións de clasificarse para o play-off de ascenso. Aquel encontro, que se saldou cun claro 0-2 e dominio absoluto dos colchoneiros, deixou sen opcións o Pontevedra.

Peor sensación foi a deste mesmo curso, na sétima xornada, nun partido que supuxo o principio do fin para Luismi. Así o recoñeceu semanas despois a presidenta Lupe Murillo xustificando a substitución no banco. "En cinco años que llevo de presidenta nunca vi un partido tan espantoso como el que vimos contra el Atlético B en Pasarón, ahí se nos encienden las alarmas", revelou sobre aquel 1-5 que unido ás derrotas ante o Real Madrid Castilla e Getafe B, esta en  Pasarón, supuxeron o despedimento do técnico.

Tras dúas xornadas de transición chegou entón ao banco Carlos Pouso, impulsando unha reacción que levou aos granates a coquetear cos postos de play-off na última xornada do ano, cando caeron con estrépito ante polo entón pechacancelas San Sebastián de los Reyes. Desde entón a curva do equipo foi descendente ata a actual posición, décimo cuartos con 31 puntos, empatados co posto do play- out e a dous puntos do descenso.

Nesas condicións, unha volta máis tarde, o plantel granate afrontará o vindeiro domingo 23 de febreiro (12:00 horas) unha complicada saída co obxectivo de reivindicarse e empezar a cambiar a complicada situación actual. En fronte estará un Atlético B que ademais da goleada da primeira volta consolidouse na segunda posición do Grupo I de Segunda  B con 51 puntos, a 4 puntos do liderado que ocupa o Atlético Baleares.