Novo reforzo para o Poio Pescamar, que incorpora á pivote Carla Ayensa

Poio
18 de outubro 2023

O conxunto vermello confirmou este mércores a contratación de Carla Ayensa, xogadora procedente do Futsal Alcantarilla e que xa se adestra coas súas novas compañeiras

Carla Ayensa (dereita) no partido entre Poio Pescamar e Futsal Alcantarilla na Seca Cristina Saiz

O Poio Pescamar volveu a acudir ao mercado para reforzar o seu plantel tras un complicado inicio de tempada.

Se hai escasamente unha semana o conxunto conserveiro anunciaba a contratación da xaponesa Yotsui Saki, este mércores fixo o propio cunha pivote, Carla Ayensa.

A xogadora navarra, que xa se exercita coas súas novas compañeiras, convértese desta forma na quinta fichaxe vermella deste curso.

Ayensa procede do Futsal Alcantarilla de Primeira División, club co que logrou o ascenso á máxima categoría na campaña 21-22. Antes formouse na canteira do CD Cantera de Cascante e pasou polas filas do UCAM Murcia e de La Algaida.

A nova intengrante do plantel do Poio Pescamar lucirá o dorsal 12 e poderá estrearse co seu novo equipo na visita o vindeiro sábado (17.30 horas) ao pavillón da Seca do líder, o Alcorcón.