Mayte Méndez segue escribindo a súa propia historia tras renovar un ano máis co Club Baloncesto Arxil. A adestradora pontevedresa cumprirá desta forma 23 tempadas consecutivas dirixindo ao equipo e 39 desde que chegou ao club como xogadora no ano 1984.
Unida ao deporte e ao Arxil desde sempre, Méndez recoñeceu "estar moi contenta" por seguir un ano á fronte do primeiro equipo de baloncesto feminino da cidade e espera "seguir dándolle estabilidade, empezando por ter un equipo referente arriba e seguir mantendo esa identidade que temos e que nos forxamos".
Ten claro tamén que este ano buscará "competir moi ben. Queremos facer un equipo bonito que nos permita darlle alegrías á nosa afección nesta liga tan complicada", pero para iso deberán formar un bo persoal que lles permita conseguir o obxectivo, empezando por atopar unha escolta que cubra á lesionada María Lago, operada do talón de Aquiles durante a fase de ascenso de Melilla e que estará aínda moitos meses afastada da cancha.
Ante esta situación, Mayte Méndez recoñeceu que "o mercado está dificilísimo, todo subiu, e iso nótase no custo das xogadoras. Temos que seguir buscando eses patrocinios, esas axudas a nivel privado e que sigan aumentando". Necesitan "que as institucións tamén dean un pasito máis e que teñamos ese apoio para que nos permita construír. Ao final a xogadora é cada día máis cara, as xogadoras da casa tamén teñen ofertas, e iso é moi bo porque quere dicir que estamos a facer as cousas ben, pero tamén che debilita se non es capaz de retela".
Por iso a prioridade agora mesmo é traballar duramente durante o verán e negociar con todas as xogadoras ás que lles vencía contrato este ano. Diso estanse encargando Mayte, Magín e Liño, que admiten que nos próximos días xa poderán comunicar o nome dalgunha xogadora que continuará e dalgunha fichaxe.
Para esta tempada en Liga Femenina 2 Mayte Méndez seguirá estando arroupada por todo o seu equipo técnico, formado por Marita Janeiro, Magín Méndez, Milagros Sanmartín, David Rocha, Jose Paz e Carlos Díaz.