Lydia Pérez, fóra das roldas finais do Europeo Sub-23 de loita

Pontevedra
07 de marzo 2019

A deportista pontevedresa competiu este xoves no Campionato de Europa Sub-23 de Loitas Olímpicas que se está celebrando en Novi Sad, Serbia, pero non logrou avanzar ata a pelexa polas medallas

Lydia Pérez durante unha competición Federación Galega de Loitas Olímpicas

Non foi a competición soñada por Lydia Pérez Touriño a protagonizada pola pontevedresa no Campionato de Europa Sub-23 de Loitas Olímpicas que se está celebrando en Novi Sad, Serbia.

A deportista do Club de Loita Pontevedra tomou parte este xoves na categoría de 62 quilos de loita feminina, pero non tivo opción de avanzar ata as roldas finais e por tanto á pelexa polas medallas.

Pérez Touriño iniciou o Europeo enfrontándose á rusa Daria Bobrulko, ante a que cedeu por 6-0. Despois chegaría a quenda do combate ante a francesa Ameline Douarre, perdendo por 5-0.

Por último para pechar a fase de clasificación competiu contra a eslovaca Maria Jushaszova, vencendo por tocado.

A loitadora pontevedresa chegaba á cita continental tras proclamarse a pasada fin de semana Campioa de España Absoluta no seu peso.