Lupe Murillo supera sen oposición a súa primeira xunta de accionistas do Pontevedra

Pontevedra
20 de abril 2015

Pouco máis dunha hora, concretamente 67 minutos, durou unha xunta que comezou con 35 minutos de atraso sobre o horario inicialmente previsto, e coa asistencia dun total de 94 accionistas, que representaban o 81,02% do capital social da entidade. O exercicio pasado botou un déficit de 131.354,85 euros despois de impostos, como adiantou PontevedraViva. O presuposto da tempada en curso supera lixeiramente os 600.000 euros

Lupe Murillo entrando na xunta xeral de accionistas do Pontevedra Diego Torrado

Sen oposición ningunha e coa ausencia de destacados accionistas que optaron por delegar a súa representación. Así transcorreu a xunta xeral ordinaria de accionistas do Pontevedra C.F.S.A.D., que tivo como escenario o Teatro Principal da cidade do Lérez na noite deste luns. A primeira da actual presidenta, Lupe Murillo, á fronte da entidade granate, se ben a xestión que se sometía a aprobación non correspondía ao seu mandato, senón ao de José Manuel Fernández, que tamén estivo presente entre o público.

Pouco máis dunha hora, concretamente 67 minutos, durou unha xunta que comezou con 35 minutos de atraso sobre o horario inicialmente previsto, e coa asistencia dun total de 94 accionistas, que representaban o 81,02% do capital social da entidade. Número lixeiramente menor de asistentes que a xunta do exercicio anterior, que congregou 116 persoas, pero unha cantidade considerablemente maior en canto á representatividade das accións, que entón fora de só o 59,72%.

Lonxe da tensión e enfrontamentos que marcaron as xuntas máis recentes, nesta ocasión a reunión foi unha verdadeira balsa de aceite, aprobándose todos os puntos sen un só voto en contra en ningún deles, e apenas unhas poucas abstencións na aprobación das contas e na ratificación da propia Lupe Murillo no seu cargo de conselleira ao que accedera por cooptación.

Neste sentido, sorprendente resultou que esas abstencións procedesen na súa práctica totalidade do colectivo de socios denominado Acción Granate, mentres os dous representantes do devandito colectivo, José Antonio Millán e Alberto Argibay, que ocupan cadeira de brazos no consello de administración e estaban sentados na mesa presidencial, votaron a favor.

En primeiro lugar expuxéronse as contas anuais e balance da sociedade, pechado a 30 de xuño de 2014, cuxos números xa foron anticipados por PontevedraViva, que reflicten un novo burato na economía do club, materializado nun déficit da tempada 2013/2014, que ascende a 131.354,85 euros despois de impostos, cunhas perdas sufridas nas actividades ordinarias que chegaron a preto de 240.000 euros, mentres que as perdas totais antes de impostos ascenderon a 171.524,44 euros. Estas contas, que como queda dito corresponden á xestión na presidencia de José Manuel Fernández, aprobáronse con tan só tres abstencións e nin unha soa pregunta sobre estas.

Logo informouse do presuposto da tempada actual 2014/2015, case a punto de finalizar, cuns ingresos previstos de 681.924,41 euros e uns gastos estimados de 619.050,00 euros, o que deixa un superávit previsto de 62.874,41 euros. presuposto que por ser só informativo "no ha lugar a votación" en palabras do secretario Luis Durán.

Aprobouse renovar o nomeamento da empresa Sogal como auditora do club, sometendo seguidamente a ratificación o nomeamento de Lupe Murillo, que tampouco tivo oposición ningunha, malia recoller un total de nove abstencións, procedentes das filas de membros do colectivo Acción Granate, que vían como Millán e Argibay non lles secundaban na súa postura.

"Este club está al corriente de pago con todas las administraciones públicas", afirmou Enrique Mariño

Deseguido tomou a palabra a presidenta Lupe Murillo para dirixirse aos accionistas e dedicar unhas palabras emocionadas de agradecemento a todos, aos seus compañeiros, á súa familia, aos medios de comunicación, puntualizando especialmente que a súa intención é mirar "hacia adelante. Manejamos un barco a la deriva con muchos problemas por resolver". Entre eles citou á canteira como unha das "grandes preocupaciones pendientes de resolver" e dixo que todo aquel que queira achegar é benvido. Incluíu nos seus agradecementos ao conselleiro José Antonio Millán "por haberse subido al barco", pero omitindo citar en ningún momento a Alberto Argibay, o único membro do consello ao que a presidenta non nomeou para nada.

Logo, a preguntas dalgún accionista, no capítulo de rogos e preguntas dende a mesa presidencial indicouse que "este club está al corriente de pago con todas las administraciones públicas", que o responsable da base é Milo Abelleira e que o club conta neste momento cun total de 1.998 socios/subscritores, mentres un accionista (Santiago Mariño) propuxo a disolución do equipo filial, o Pontevedra B.