Luisito xa non é adestrador do Pontevedra

Pontevedra
19 de decembro 2017

A substitución de Luisito como adestrador do primeiro equipo é xa unha realidade debido á mala xeira de resultados que colocou aos granates ao bordo da zona de descenso a Terceira División

Luisito, nun adestramento en Príncipe Felipe Mónica Patxot

A etapa de José Luís Míguez 'Luisito' como adestrador do Pontevedra Club de Fútbol chegou ao seu fin.

O club decidiu substituir ao técnico despois dunha primeira volta de competición que rematou co equipo no posto de play-out pola permanencia.

O Consello de Administración presidido por Lupe Murillo comunicou a Luisito a súa decisión, coa esperanza de que o cambio supoña un revulsivo e permita afastarse da zona de descenso.

O cambio do adestrador chega en plenas vacacións do equipo, que non volverá ao traballo ata despois de Nadal, e tras nove xornadas sen coñecer a vitoria en liga. De feito, desde a dimisión de Luisito en Talavera e a súa posterior ratificación no cargo por parte do Consello o Pontevedra só logrou sumar 5 de 18 puntos posibles, e o que é peor, a imaxe nas últimas xornadas reflectiu certa impotencia no plantel.

Unha vez tomada a decisión a dirección deportiva traballa en buscar un substituto para o posto, coa intención de que poida xa facerse cargo do equipo cando volva aos adestramentos e con dúas semanas de marxe ata o inicio da segunda volta da liga, o 7 de xaneiro ante o Celta B.