Incógnitas por resolver nas últimas horas do mercado de fichaxes

Pontevedra
29 de xaneiro 2019

O Pontevedra Club de Fútbol encara os últimos días do mercado invernal, que pechará a súa xanela o vindeiro xoves 31 de xaneiro, e faino cunha ficha sénior dispoñible que tenta cubrir, ben cun extremo ou cun reforzo para a parcela defensiva

Roberto Feáns, durante un adestramento do Pontevedra Mónica Patxot

Chegará algún reforzo máis? É a gran pregunta que o Pontevedra Club de Fútbol resolverá nas próximas horas, as que restan para que o próximo día 31 de xaneiro peche oficialmente o mercado invernal de fichaxes.

Tras a chegada de Borja Domínguez, que ocupou a ficha que deixou libre a saída de Mouriño ao Rápido de Bouzas, o club granate traballa na incorporación de, polo menos, outro futbolista para refozar o plantel na segunda metade da tempada.

A dirección deportiva chegou a considerar a pasada semana pechada a xestión para incorporar a un extremo, que finalmente se escapou ante a irrupción dun dos equipos con máis poderío económico da Segunda B, e agora segue valorando as opcións que ten sobre a mesa, aínda que sempre desde a idea  verbalizada en varias ocasións polo técnico do equipo, Luismi, de que só se lanzarán a por algo que mellore ao que xa teñen en nómina.

Nesa situación as posibles prazas a reforzar serían a do citado extremo, tras a lesión de Javi López, ou mesmo o centro da defensa. En todo caso, se non se dan as condicións dentro, tampouco é descartable que o plantel se peche tal e como está na actualidade.

Todo pode cambiar en cuestión de horas, pero o único seguro é que de reforzarse o Pontevedra debe facelo antes do citado día 31 de xaneiro, peche do mercado invernal, xa que aínda que o caso de Javi López abría a porta para fichar en calquera momento, esa opción segundo a normativa da Federación Española deixa de ser válida pasado un mes da lesión do futbolista, prazo que xa se superou.

Pasado ese tempo a única opción sería contratar a un xogador que se atope no paro dende antes do peche do mercado.