Iberia perde (outra vez) a bicicleta de Pablo Dapena

Pontevedra
26 de xullo 2018

O flamante campión do mundo de tríatlon de longa distancia chegou a Praga para participar este sábado nunha proba do circuíto Challenge, pero fíxoo sen a súa bicicleta. A compañía aérea asegura que chegará a tempo para competir 

Pablo Dapena, en PontevedraViva Radio Mónica Patxot

A situación vólvese repetir. Nin o flamante título de campión do mundo de tríatlon de longa distancia valeulle a Pablo Dapena para esquecerse de problemas nos seus traslados.

Do mesmo xeito que na previa do citado Mundial, no que se impuxo de maneira brillante en Dinamarca, o triatleta pontevedrés chegou este xoves á República Checa sen unha das súas ferramentas de traballo, a bicicleta.

Dapena ten previsto estrear este sábado a súa condición de campión mundial no Challenge de Praga, no que tamén tomará parte Javier Gómez Noya e que conta cun gran nivel competitivo, sempre que se solucione a incidencia.

"Mi bici no ha llegado conmigo a Praga y otra vez a cruzar los dedos para que las cosas lleguen a tiempo. Esto no puede ser, es una auténtica vergüenza", sinalou indignado a través do seu perfil de Twitter.

Aínda que a compañía aérea asegura que a máquina chegará a tempo para competir, o enfado de Pablo Dapena débese ademais á reiteración, xa que na súa viaxe ao Multisport Festival de Dinamarca no que se proclamou campión do Mundo non só lle perderon a súa bicicleta na ida, tamén na viaxe de volta xunto á equipaxe no que gardara a súa medalla de ouro.

O Challenge Praga disputarase este sábado 28 de xullo en formato de media distancia, con 1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé.