O bo rendemento ofrecido por Javi Gómez Noya no seu regreso ás Series Mundiais, convenceu ao galego para pelexar ou a lo menos apurar as súas opcións de lograr o que sería o seu sexto título mundial na modalidade olímpica.
Despois dun ano centrado na longa distancia, o triatleta galego afincado na Boa Vila volveu á máxima competición ITU cun segundo posto en Bermuda e un cuarto en Yokohama, a escasos segundos do vencedor e só dúas semanas despois de gañar o Mundial de Longa Distancia en Pontevedra. Eses dous resultados leváronlle ao quinto posto da xeral das Series Mundiais con 1.716 puntos tras tres carreiras, a pesar de non ter estado presente no debut en Abu Dhabi. Isto supón 807 puntos menos que o líder provisional, o francés Vincent Luís (2.523 puntos), ao que seguen Fernando Alarza (2.069), Henri Schoeman (1.887) e Bence Bicsák (1.769).
Chegados a este punto, e a pesar de que o obxectivo principal do ano pasa por buscar a clasificación olímpica no test oficial que se celebrará en Tokyo o 15 de agosto e tamén no Mundial 70.3 de Niza en setembro, Gómez Noya decidiu probarse tamén na distancia 'sprint'.
Tanto Bermuda como Yokohama foron eventos celebrados en distancia olímpica, máis propicia para as súas calidades, do mesmo xeito que o será a próxima cita das Series Mundiais na localidade británica de Leeds, esta próxima fin de semana (domingo 9 de xuño).
Non o será con todo a seguinte parada do calendario, Montreal, en Canadá, carreira na distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé) que publicou a súa lista de saída e na que se atopa inscrito Javi Gómez Noya capitaneando a armada española xunto ao actual campión Mario Mola, Fernando Alarza, Vicente Hernández e o vigués Antonio Serrat.
Tamén será proba sprint Hamburgo, en Alemaña, o 7 de xullo, na que previsiblemente tamén estará o campionísimo galego se os resultados séguenlle a acompañar. Despois chegará Edmonton (sprint) o 21 de xullo antes da Gran Final que este ano terá lugar na localidade suíza de Lausana sobre distancia olímpica.
As Series Mundiais decidiranse a final de tempada cos cinco mellores resultados de cada triatleta máis a clasificación que consiga na Gran Final.