Ensino de Lugo, un rival para medir as posibilidades do Arxil

Pontevedra
06 de novembro 2014

O equipo pontevedrés recibe o sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao equipo lucense, tamén invicto tras sumar dous triunfos nas dúas primeiras xornadas da Liga Feminina   

Mayte Méndez durante o partido entre Arxil e Araski Diego Torrado

Cita importante a que afronta este sábado 8 de novembro o Club Baloncesto Arxil, un dos catro equipos que se manteñen invictos na Liga Feminina 2 logo das dúas primeiras xornadas.

Outros dos equipos que non perdeu, o Durán Maquinaria Ensino de Lugo, visita o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (19:30 horas) para medir o nivel real das verdes, esperanzadas tralo seu bo inicio de competición.

Ambos conxuntos enfrontáronse en pretempada nunha disputada semifinal da Copa Galicia que se levaron as lucenses (79-67) tras un encontro que as pontevedresas controlaron ata o descanso pero que se lles escapou no terceiro cuarto.

En todo caso as de Mayte Méndez móstranse confiadas en lograr a vitoria apoiadas na súa afección, que esperan acuda en bo número ao CGTD.

A adestradora lerezana espera contar con todo o plantel dispoñible para a cita.