Cozumel acolle a Gómez Noya e Saleta Castro, que participarán no próximo Challenge Cancún

Pontevedra
07 de abril 2021

O grupo de adestramento de Gómez Noya iniciou esta semana unha concentración na illa mexicana de Cozumel para aclimatarse ás condicións de calor que se esperan en Tokyo. Alí está tamén Saleta Castro, que volverá participar máis dun ano despois nunha proba de media distancia

Saleta Castro, Pablo Dapena e Javier Gómez Noya na rolda de prensa previa ao Mundial de Pontevedra Xan Xiadas

Javier Gómez Noya estableceu desde esta semana o seu cuartel xeral na illa mexicana de Cozumel, lugar escollido para realizar unha concentración de adestramento coa que aclimatarse á "calor extrema" que se espera no verán nos Xogos Olímpicos de  Tokyo.

Así o recoñeceu recentemente nun acto publicitario en Vigo o propio pentacampión mundial de tríatlon en distancia olímpica, que levou consigo a unha parte da súa grupeta.

Trátase de "unha primeira concentración nunhas condicións similares ás que nos atoparemos en Tokyo", explicou hai uns días Gómez Noya, que ten "a idea de repetila xusto antes dos Xogos".

Cozumel é un enclave privilexiado na Riviera Maya, con escaso tráfico rodado e estradas de perfil chairo para adestrar o sector ciclista, xunto a pistas aptas para a carreira a pé e unhas tranquilas augas abertas para nadar.

Ademais do seu adestrador, Carlos Prieto, acompañan ao galego outros deportistas como a súa muller Anneke Jenkins, David Castro, Víctor Benages e a pontevedresa Saleta Castro.

Saleta, do mesmo xeito que o propio Javi Gómez Noya, ten previsto aproveitar a estancia mexicana para volver colgar un dorsal de competición nun tríatlon de media distancia, despois de moito tempo sen poder facelo centrándose noutras disciplinas, como a súa participación na Titan Desert de ciclismo BTT. Farao no Challenge Cancún previsto para o próximo día 2 de maio.

O Challenge Cancún contará 1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 de carreira a pé.

Tras esta cita, Gómez Noya ten planificado probar o seu estado de forma nas dúas primeiras probas das Series Mundiais, coas carreiras do 15 de maio en  Yokohama e o 6 de xuño en Leeds.