O Pontevedra Club de Fútbol deu por finalizado o capítulo de renovacións no seu primeiro plantel tras o anuncio de continuidade de Alberto Rubio.
Así o recoñeceu este mércores o director deportivo granate, Toni Otero, no marco da presentación do novo adestrador, Antonio Fernández.
"Os pesos pesados, os que cremos que había que renovar están renovados", sinalou Otero referíndose ao propio Rubio, a Álex González, Oier Calvillo, Yelko Pino e Samu Araújo, deixando só a porta para aberta á presenza dalgún canteirán no primeiro plantel. "Falarase e valorarase con el", explicou en relación ao novo técnico do equipo.
O director deportivo tamén se referiu a unha saída que non se esperaba entre os afeccionados, a de Javi Rey, que "non tiña contrato, tiña unha opción por partidos que non cumpriu". Toni defendeu que o xogador "entendo que comunicado estaba" tras falar co seu representante, ao que lle sinalaría que "o club decidiu esperar", explicou.
Pechado o capítulo de renovacións toca pois agora as novas chegadas, unhas fichaxes nas que non quixo entrar en profundidade Toni Otero a pesar de ser cuestionado pola posibilidade de incorporar ao lateral vigués Ángel Bastos tras desvincularse do Rayo Majadahonda.
"Hoxe é o día de Antonio, as fichaxes están a darse. Todo chegará, crédeme que estamos a funcionar e andando nun mercado moi complicado onde hai equipos tremendamente potentes cuns orzamentos brutais, que fan unhas ofertas que me fan suar máis que coa calor", asegurou Otero antes de concluír que "faremos un equipo o máis competitivo posible, un bo equipo".