Pasan os días e o Pontevedra Club de Fútbol segue sen aclarar o que está a ser o maior culebrón do verán na casa granate. Que pasa con Borja Domínguez?
O centrocampista vigués, renovado automaticamente a final do pasado curso por unha cláusula no seu contrato, continúa sen exercitarse co primeiro equipo cando se cumpren tres semanas de adestramentos e cando cada vez resta menos para o inicio da competición oficial.
Polo momento Borja, ausente sen explicación oficial desde o primeiro día da pretempada, perdeu xa os tres primeiros encontros amigables do verán, dentro dunha situación cada vez máis incómoda para todas as partes.
Con todas as fichas sénior posibles cubertas (16), se finalmente se chega a concretar a saída do vigués supoñería abrir a porta á chegada como reforzo dun futbolista maior de 23 anos, xa que agora mesmo para completar o seu persoal o Pontevedra só pode recorrer a xogadores sub-23 ata chegar ao máximo de 25 futbolistas rexistrados.
Ao 12 de agosto de feito, e contando co centrocampista, son 20 as fichas comprometidas. As 16 sénior máis as sub-23 que ocupan Manu Vizoso, Xabi Domínguez, Rares Mezdrea e Igor Irazu, ao que se suman os canteiráns que están a traballar ás ordes de Yago Iglesias en dinámica do primeiro equipo.
O tempo segue correndo cun tira e afrouxa no que aínda non hai punto de acordo entre o Pontevedra e Borja Domínguez. Todo, iso si, cun prazo máximo que é o 30 de agosto, data límite para a inscrición de xogadores na Segunda RFEF, xusto un día antes do inicio de liga.