Aprazado o partido de 1/8 de Copa do Poio Pescamar polo gromo de covid do seu rival, o Sala Zaragoza

Poio
07 de xaneiro 2022

A suspensión foi confirmada polo conxunto maño, que solicitou o aprazamento tras detectar cinco casos de coronavirus nas súas filas, catro deles de xogadoras do primeiro plantel

Manu Cossío, no partido de liga entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña Mónica Patxot

A Copa da Raíña terá que esperar para o Poio Pescamar, tras o gromo de covid detectado no seu rival nos oitavos de final, o Sala Zaragoza.

As vermellas debían de enfrontarse ao cadro maño o vindeiro domingo 9 de xaneiro (12.00 horas) en Zaragoza, cun billete para a fase final do Torneo do K.O. en xogo, pero o Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol aceptou a solicitude de aprazamento presentado polas aragonesas.

Esa petición cursouse tras detectarse cinco positivos por coronavirus na rolda de test realizada a plantel e corpo técnico no regreso aos adestramentos, dos que 4 infeccións correspondían a xogadoras. O Poio Pescamar pola súa banda superara o trámite sen detectar contaxios.

Foi o propio Salga Zaragoza o que confirmou o aprazamento da eliminatoria recibido o OK de Competición, movendo o encontro a unha data que aínda debe determinarse "tan pronto como se dean as circunstancias que permitan a súa disputa".