Antiviolencia propón sancionar un afeccionado por ensinar unha bandeira independentista galega en Pasarón

Pontevedra
01 de marzo 2018

Sucedeu no partido que enfrontou ao Pontevedra co Racing de Ferrol o pasado 18 de febreiro. A Comisión Permanente da Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte propuxo ademais a sanción a outro afeccionado por arroxar unha botella a efectivos da Policía Nacional

Bandeiras independentistas galegas nun partido no Estadio Municipal de Pasarón (arquivo) Diego Torrado

Ensinar unha bandeira independentista galega no Estadio Municipal de Pasarón pode supoñer sanción para un afeccionado pontevedrés.

A Comisión Permanente da Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte acordou na súa reunión do día 22 de febreiro reprobar a conduta dun siareiro que despregou unha bandeira galega coa estrela independentista no choque ante o Racing de Ferrol "creando entre os seguidores do equipo contrario unha gran axitación e alteración".

Por ese motivo propuxo para el unha sanción económica de carácter leve de 500 euros e a prohibición de acceder a un recinto deportivo durante 3 meses.

Ademais Antiviolencia tamén recolle na súa resolución outra proposta de sanción correspondente ao duelo entre pontevedreses e ferroláns do pasado día 18 de febreiro, en concreto en relación aos incidentes previos ao encontro que obrigaron a intervir aos corpos de seguridade do Estado.

Neste caso proponse unha multa de 2.000 euros e a prohibición de acceso a un recinto deportivo durante 6 meses a un afeccionado que "arroxou unha botella de cristal de cervexa cara aos axentes de Policía nos arredores do estadio".