Antía Jácome: "Non perdín unha medalla, senón que gañei un quinto posto e estou moi contenta"

Pontevedra
05 de agosto 2021

A padexeira pontevedresa asegurou en declaracións a RTVE tras o seu quinto posto nos Xogos Olímpicos que "non mo creo agora mesmo, estou feliz", e mostrouse ambiciosa para os seus próximos retos, como o Mundial que se celebrará en setembro

Antía Jácome logra en Verducido a clasificación para os Xogos Olímpicos de Tokio Mónica Patxot

Exultante. Así estaba Antía Jácome nada máis terminar a súa participación nos Xogos Olímpicos de Tokyo, tras conseguir un brillante quinto posto e diploma olímpico no C-1 200 metros.

"Quedeime a nada, pero eu non perdín unha medalla, senón que gañei un quinto posto e estou moi contenta", sinalou a padexeira pontevedresa en declaracións a Radio Televisión Española.

"Non mo creo agora mesmo, estou feliz", reiterou sobre un resultado que "tería asinado hai tres anos ou hai seis ou hai un mesmo".

Sobre a final, Jácome explicou que "me atopei moi ben. É verdade que saín bastante adiante e logo xa me vía diante, pero non sabía en que posición e menos un quinto posto".

Aos seus 21 anos, a deportista da EP Ciudad de Pontevedra mostrouse ambiciosa co futuro que ten por diante, con París 2024 no horizonte pero tamén con outros retos como o próximo Mundial, que se celebrará en setembro, unha cita na que "sei que podo estar entre as mellores e vou loitar por coller unha medallita".