En 2020 Pontevedra seguirá apostando pola organización de eventos deportivos de nivel nacional e internacional como "marca da casa, deste goberno municipal", asegurou este xoves en rolda de prensa a concelleira de grandes eventos, Anabel Gulías.
"Este ano apostamos sobre todo por dous deportes, un deles é o tríatlon e a segunda aposta é o ciclocrós", recoñeceu a edil. Precisamente o ciclocrós será o que abra o calendario deportivo do novo ano coa celebración do Campionato de España na Illa das Esculturas do 10 ao 12 de xaneiro, no que supón un paso máis cara ao obxectivo recoñecido xa publicamente de aspirar nun futuro próximo a organizar unha Copa do Mundo da especialidade.
"Cremos que o ciclocrós pode traer réditos similares ao tríatlon", reforzou Gulías.
Ademais no calendario non faltarán eventos doutros deportes como a loita olímpica, que "é interesante pola cantidade de xente que move", explicou a representante do goberno local. Neste sentido, tal e como adiantou PontevedraViva, unha das citas sinaladas do ano será o Campionato de España Sénior de Loita, a só uns meses dos Xogos Olímpicos de Tokyo 2020.
"Por suposto tamén haberá tríatlon e queremos apostar por deportes emerxentes como o fútbol gaélico", concluíu Anabel Gulías tras a presentación do Nacional de Exhibición de Taekwondo que pechará o ano competitivo na cidade este 2019.