Alivio para a enfermería do Pontevedra Club de Fútbol e sobre todo para o problema que acumulaba nos laterais o técnico Antonio Fernández pensando no debut ligueiro do 28 de agosto fronte ao Alcorcón.
Tras varias semanas traballando a menor ritmo, Álex González reincorporouse ao grupo e apura a súa posta a punto xunto ao resto dos seus compañeiros.
O capitán granate, con problemas físicos, non volvera a participar ao 100% desde o encontro de preparación ante o Ourense CF, o pasado 2 de agosto.
A súa alta médica supón unha dor de cabeza menos para Antonio, xa que a maioría dos problemas físicos afectaban os laterais do equipo. Con todo con Álex González e Ángel Bastos dispoñibles as opcións ábrense de cara ao primeiro once inicial da tempada.
Os que seguen polo momento traballando á marxe son os laterais Seoane e Samu Araújo, nunha enfermería á que se sumou Pablo Cacharrón tras someterse este xoves a unha artroscopia no seu xeonllo esquerdo debido a unha rotura de menisco.
Pola súa banda o central Churre, a pesar de exercitarse cunha vendaxe de protección no seu xeonllo, completou sen problema a sesión matinal de traballo celebrada este venres no campo da Seca, en Poio.