A Xunta de Accionistas do Pontevedra acorda denunciar a José Manuel Fernández pola vía civil

Pontevedra
28 de xaneiro 2019

Así o acordaron os accionistas da entidade na Xunta Xeral celebrada este luns no Pazo da Cultura. Na reunión déronse detalles da sanción imposta pola Seguridade Social, que será recorrida, e votáronse as contas da pasada tempada, na que se reduciu en 127.000 euros a débeda do club

Xunta Xeral de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol acudirá á vía civil para manter aberto o proceso xudicial contra o ex presidente do club, José Manuel Fernández. Así se acordou na Xunta Xeral de Accionistas celebrada este luns no Pazo da Cultura.

Desta forma, tras as sentenzas da Audiencia Provincial e o TSXG desestimando os recursos do Pontevedra e pechando a opción penal, ábrese unha nova vía para pedir responsabilidades ao dirixente polo que entende o Consello de Administración como "una absoluta administración desleal", sinalou o conselleiro Pablo Galván.

O actual Consello de Administración do club granate presentara unha denuncia tras a aparición durante o xuízo laboral entre o club e Milo Abelleira dun recoñecemento de débeda asinado polo expresidente, José Manuel Fernández, por un importe de 104.355 euros máis o 10% dos despachos de billetes das fases de ascenso das tempadas 2013-2014 e 2014-2015. Entendía o club que ese recoñecemento foi asinado o 20 de xuño de 2014, 11 días despois de que Fernández fora apartado do seu cargo e por tanto non estaría autorizado a asinalo. Ademais non estaba conforme coas cantidades reflectidas, asegurando que gran parte estaban prescritas.

Así se explicou de novo ante os accionistas, que apoiaron a postura do Consello encabezado por Lupe Murillo ante "el mayor prejuicio que se le ha causado al club en los últimos años", afirmou Galván antes de proceder a unha votación que só contou cunha abstención e un voto en contra, o de José Luis Tilve como representante do principal grupo opositor á actual dirección, un grupo de tres empresas con sede en Meaño, e que supoñían o 37,29% do accionariado presente.

SANCIÓN DA SEGURIDADE SOCIAL

O Consello de Administración mostrou ademais a súa total desconformidade cos criterios que levaron a cabo á Seguridade Social a interpoñer unha multa de 65.646 euros ao Pontevedra por supostas irregularidades na cotización de varios empregados, asegurando non estar de acordo coas datas dos contratos e que darían como importe de cotización presuntamente irregular unha cifra de 2.876,80 euros.

"Tenemos a los jugadores dados de alta, no le quepa la menor duda", sinalou ante os presentes o conselleiro da área económica, Enrique Mariño, quen afirmou que esta denuncia, do mesmo xeito que outras que propiciaron ata "cinco inspecciones" nos últimos anos proveñen dun accionista do club.

"Hemos actuado correctamente" defendeu o conselleiro anunciando un recurso que "no me cabe duda de que tenemos viso de ganarlo". Ademais cargou contra a herdanza recibida cando os actuais xestores desembarcaron no Pontevedra xa que "cuando llegamos a este club nos encontramos a todos los jugadores sin dar de alta en la Seguridad Social", revelou Mariño.

Este punto terminou dando paso a un tenso final de Xunta Xeral de Accionistas entre o representante do principal grupo opositor e a presidenta do Consello, Lupe Murillo, quen asegurou que "no le hace ningún beneficio a la entidad su posición" e que "demuestra una gran mala fe".

REDUCIÓN DA DÉBEDA

No resto de puntos da orde do día aprobáronse as contas correspondentes á pasada tempada, que tal e como adiantou PontevedraViva reflectiron un superávit de 61.759 euros e unha redución da débeda do club en 127.567 euros, para deixala a día 30 de xuño de 2018 en 1.102.184 euros.

En canto ao orzamento da campaña agora en curso, a 2018/2019, aceptouse unha previsión de 1.284.106 euros de ingresos e un superávit previsto de 6.506 euros.

Na Xunta Xeral acreditáronse un total de 97 accionistas representando ao 90,61% do total accionariado do Pontevedra Club de Fútbol.