Desestimado o recurso do Pontevedra na causa contra Milo Abelleira e José Manuel Fernández por estafa
Por Diego Espiño
A Audiencia Provincial desestimou o recurso de apelación interposto polo Pontevedra Club de Fútbol na causa aberta contra o ex-adestrador Milo Abelleira e o ex-presidente José Manuel Fernández, acusados de estafa e administración desleal.
Nun auto asinado pola presidenta da Sección 4 da Audiencia, Nélida Cid, o pasado 12 de marzo, desestima a apelación presentada tras o arquivo provisional da causa, o pasado mes de agosto, nunha resolución do Xulgado de Instrución 3 de Pontevedra que a maxistrada "confirma integramente sen imposición de costas procesuais".
Na súa argumentación Nélida Cid apoia o fallo do xulgado de instrución que xa considerou que "non existen indicios, valoradas as dilixencias da investigación practicadas e ás que fai referencia, da comisión dun delito de estafa procesual mediando falsidade documental".
O actual Consello de Administración do club granate presentara a denuncia tras a aparición durante o xuízo laboral entre o club e Milo Abelleira dun recoñecemento de débeda asinado polo expresidente, José Manuel Fernández, por un importe de 104.355 euros máis o 10% dos despachos de billetes das fases de ascenso das tempadas 2013-2014 e 2014-2015. Entendía o Pontevedra que ese recoñecemento foi asinado o 20 de xuño de 2014, 11 días despois de que Fernández fose apartado do seu cargo e por tanto non estaría autorizado a asinalo. Ademais non estaba conforme coas cantidades reflectidas, asegurando que gran parte estaban prescritas.
Contra esta resolución, contraria aos intereses do club granate, non cabe recurso, polo que supón o peche da vía penal neste caso, aínda que o Pontevedra pode mantelo aberto acudindo á vía mercantil.
Relacionadas:
-
Milo Abelleira volve aos bancos para adestrar o Rápido de Bouzas
Por Redacción |
-
A Xunta de Accionistas do Pontevedra acorda denunciar a José Manuel Fernández pola vía civil
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Luismi leva a todos os dispoñibles á Coruña
Por Diego Espiño |
-
Arquivada a denuncia do Pontevedra a José Manuel Fernández e Milo Abelleira por estafa
Por Diego Espiño |
-
O TSXG confirma a sentenza que condena o Pontevedra a pagar a Milo Abelleira máis de 135.000 euros
Por Ramiro Espiño |
-
O Pontevedra denuncia a José Manuel Fernández e a Milo Abelleira por estafa
Por Redacción |