O Pontevedra Club de Fútbol é xa para todos os efectos equipo de Segunda RFEF, tras confirmarse matematicamente o seu descenso de categoría a dúas xornadas para o final da competición. É o peche a unha tempada que en lugar de comezar co vento a favor tras o ascenso do curso anterior fíxoo xa aos tombos.
Os granates prometíanllas felices co ascenso de hai un ano, logrado aínda a mediados de maio e que deixaba moito tempo para planificar o salto a unha categoría que se demostrou tremendamente esixente, pero desde o primeiro momento as cousas torcéronse.
DESPEDIDA DE ÁNGEL RODRÍGUEZ E ELECCIÓN DE NOVO ADESTRADOR
A pesar de lograr o obxectivo, a dirección do Pontevedra tomou un tempo para pensar sobre se o adestrador que capitaneara a nave, Ángel Rodríguez, era o idóneo para a Primeira RFEF. No transfondo, unha certa falta de 'feeling' coa planta nobre, non así co que era nese momento director deportivo Toni Otero, que fixo dubidar sobre a súa continuidade.
Tras semanas sen contacto, cando se estableceron negociacións para a súa renovación o técnico acabou rechando o ofrecemento para aceptar a proposta do Hércules en Segunda RFEF. Un primeiro tropezón para un proxecto que pretendía ser continuista. "Se hai tres meses fixésemos o que propuxen non estariamos nesta situación", chegou a criticar un Otero que por momentos pareceu apartado das decisións pero que afirmou "non deixei de traballar".
Houbo que esperar ao 6 de xullo, a poucos días de iniciarse a pretempada, para coñecer o nome do novo adestrador, que foi Antonio Fernández. Para aquel entón o plantel estaba xa practicamente confeccionada coas renovacións. Faltaban unhas fichaxes que tamén tardaron en producirse. Só Ámgel Bastos (confirmado o 7 de xullo) vestiuse de curto no inicio dos adestramentos. Despois aterraron Mario Ortiz (23 de xullo), Borja Domínguez (5 de agosto), Libasse Guèye (19 de agosto), Luís Martínez (22 de agosto), Jon Bakero (23 de agosto) e Viktor Nikolov (26 de agosto).
INESTABILIDADE NO BANCO
A tempada quedará marcada pola inestabilidade no banco de Pasarón. Con Antonio Fernández o inicio foi esperanzador, sobre todo tras a boa imaxe no debut contra o Alcorcón e o empate en Riazor, pero o equipo perdeu forza e mantívose ao fío do descenso ata as vaciones de Nadal, ás que chegou na zona vermella pero empatado a puntos coa permanencia. Chegaría nese momento a Copa do Rei e dous ilusionantes encontros con Tenerife e Mallorca cuxo esforzo acabou penalizando no incio de ano.
Dúas derrotas consecutivas levaron a 4 os puntos aos que se situaba a salvación e terminaron coa etapa de Antonio dunha forma ademais canto menos cuestionable, e é que o técnico soubo do seu cesamento primeiro por axentes externos ao club.
O seu posto ocuparíao Toni Otero, sen experiencia en bancos profesionais. A súa curta etapa, seis partidos, estivo marcada por unha praga de lesións que minguou de maneira importante o plantel granate e que lle impediu lograr un maior botín de puntos (4 de 18 posibles), problemas físicos que aparecían cun Pasarón cuxo estado deixaba moito que desexar e condicionaba o xogo do equipo.
Por último sería a quenda de Juan Señor, un home lembrado máis polo seu gol no 12-1 do España-Malta que pola súa experiencia nos bancos, tras case dúas décadas sen dirixir un equipo profesional. Con el á fronte, o Pontevedra pareceu recobrar o pulso empuxado por varios bos resultados como local, coincidindo co regreso aos terreos de xogo de homes importantes. Con todo, a súa nula bagaxe a domicilio e os erros defensivos acabaron sendo unha laxa demasiado pesada para salvar a categoría.
MERCADO INVERNAL E ESPANTADA DE LIBASSE GUÈYE
No medio de todo iso, chegou un mercado invernal no que o club granate decidiu nun primeiro momento non reforzar ao equipo, a pesar de permitir a saída de Oier Calvillo previa renovación por unha tempada, a de Mario Ortiz e a espantada de Libasse Guèye. Só se deu de alta a Derik Osede, que xa adestraba co equipo desde verán.
Posteriormente, xa con Toni como adestrador e desentendéndose da dirección deportiva, pecharíase fóra de prazo a incorporación dun extremo como Gonzalo Bueno cuxa presenza foi testemuñal, cun par de minutos xogados en Talavera case tres meses despois da súa chegada.
En canto a Guèye, dous meses e medio máis tarde da fuxida para tentar romper o seu contrato, incorporouse aos adestramentos, pedindo perdón a club e afección e asumindo unha sanción. Foi un tema espiñento que se trasladou á bancada, que nunca entendeu que seguise pertencendo ao club. Así o fixo notar cando 'redebutou' en Pasarón levantando ampolas o seu cambio nun día ademais complicado cun resultado en contra de 1-5.
DIVISIÓN COA BANCADA
O ano estivo marcado ademais por un clima en ocasións irrespirable de división cun sector da afección, especialmente o situado no Fondo Norte do estadio. Todo un contraste coa proximidade entre bancada e equipo coa que se conseguiu o ascenso a Primeira RFEF, coa guinda do duelo fronte ao Salamanca cunha gran presenza de seguidores nas bancadas. A onda positiva non se prolongou, entre outras cousas por un incomprensible silencio institucional no verán que se volveu eterno, e os berros cara ao consello de administración e a presidenta fóronse volvendo nunha constante ao longo da campaña, afastando o foco do deportivo.
Con este transfondo a propia presidenta, Lupe Murillo, ofreceu unha longa rolda de prensa na que defendeu a súa xestión á fronte da entidade, tanto a nivel económico como social asegurando que "partimos de 1.400 socios cando chegamos. Hoxe hai 2.394".
Pode que ningún dos factores resulte determinante, pero todos eles supoñen unha pequena radiografía dunha tempada que acabou converténdose en pesadelo.