A Federación Galega de Automobilismo aproba o seu pre-calendario de competición para 2022

Pontevedra
09 de decembro 2021

O Rally de Pontevedra ou as subidas de Pontevedra-Almofrei ou Ponte Caldelas, ademais de varias probas de RallyMix, compoñen as citas automobilísticas previstas na comarca, ao que se suma a intención da mítica Subida A Escusa de consolidarse no calendario nacional

III Rally de Pontevedra Memorial Miguel Álvarez Cristina Saiz

Os afeccionados ao mundo do motor xa poden anotar na súa axenda as grandes citas que lles esperan en 2022.

A Federación Galega de Automobilismo aprobou o seu pre-calendario de competición para a próxima tempada, no que como cada ano a comarca de Pontevedra goza do seu protagonismo.

Nos rallys, o calendario autonómico reserva a súa cuarta cita puntuable para o que será o IV Rally de Pontevedra Memorial Miguel Álvarez, no seu segundo ano consecutivo tras volver á actividade en 2021. A proba fixouse para os días 18 e 19 de xuño.

No que respecta ao Campionato Galego de Montaña, regresa ao calendario autonómico a Subida a Ponte Caldelas na súa quinta edición, tras o seu paso frustrado ao calendario nacional con suspensión debido á pandemia. Disputarase o 3 e 4 de setembro, mentres que unhas semanas antes (16-17 de xullo) será quenda para a 23ª Subida a Pontevedra-Almofrei.

Nesta especialidade cabe destacar a intención da Escudería Buxa Motor de apostar por segundo ano por manterse no calendario nacional cunha das probas máis emblemáticas do panorama galego, a Subida A Escusa, puntuable en 2021 para a Copa de España de Escuderías.

Non falta tampouco no pre-calendario espazo para unha especialidade que destaca pola súa espectacularidade como o RallyMix, con probas mixtas de terra e asfalto. Neste campo Ribadumia vivirá o 23 e 24 de xullo a segunda edición do seu rally, do mesmo xeito que Portas o 27 e 28 de agosto. Para o RallyMix Cuntis Vila Termal pola súa banda resérvanse os días 24 e 25 de setembro como penúltima cita puntuable da tempada.

Consulta aquí o pre-calendario aprobado pola Federación Galega de Automobilismo para 2022.