Suspendida a V Subida a Ponte Caldelas, que ía estrearse no Campionato de España de Montaña
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas anunciou este martes a cancelación da V Subida a Ponte Caldelas de automobilismo.
A proba, que ía estrearse este ano como cita puntuable da Copa Norte de Montaña do Campionato de España, estaba prevista no calendario para os días 7 e 8 de agosto baixo a organización da Escuadería Buxa Motor.
As razóns que esgrime o goberno local para a suspensión céntranse na incerteza que segue provocando a pandemia.
"O motivo fundamental da realización e promoción deste tipo de probas é a de atraer xente ao municipio, xerar movemento no comercio, promoción turística... pero sobre todo o principal beneficio directo vén dado por un gran movemento nos bares e restaurantes así como os hoteis e casas rurais que nesa fin de semana están completos", razoa o alcalde Andrés Díaz, polo que considera "complicado poder sacar adiante unha proba deste tipo pensando en que un pequeno brote pode levar ao traste con todo o esforzo realizado; e non só o esforzo persoal por parte da organización senón tamén o económico pois hai varias partidas que se teñen que pagar por adiantado", sinala.
Esa foi a postura que lle trasladaron desde o Concello á presidenta de Buxa Motor, Noemí Blas, ao reunirse para tratar a viabilidade da carreira.